martes. 16.04.2024
portada_somoscomarca_trives_colegio_santaleonor

O patio do colexio Santa Leonor acollerá a partir das 20:30 horas as actuación dos grupos de México, Serbia e Bolivia

As trixésimo sextas Xornadas de Folclore chegan hoxe martes, 6 de agosto, á Pobra de Trives. Un ano máis a vila trivesa  —xunto coa localidade de Bande— será a primeira onde actuarán tres, dos seis grupos que este ano forman parte do certame.



O Ballet Folclórico de La Paz de Bolivia «Bafopaz»;  a Compañía Folclórica Nieves Paniagua de México e o Ballet Folklórico serbio  «Simyono» de New Belgrad. Os tres grupos restantes que actuarán nesta edición das Xornadas son : O Grupo Coreográfico de Fantasía da zona rusa de Cheliabinsk, o Ballet Folclórico da Ponte Alta de Chile e a Taiwan Folk Music Ensemble-Queen Dance Company de Taiwan.

As actuacións dos grupos de Bolivia, México e Serbia terán lugar no patio do colexio Santa Leonor de Trives, a partir das 20:30 horas . Cada grupo ofrecerá dous espectáculos diferentes para que haxa diversidade.



Os seis grupos farán unha xira por toda a provincia de Ourense do 6 até o 14 de agosto. Visitarán 16 concellos  entre os que se atopan tres das nosas bisbarras. Ademais de Trives, haberá Xornadas no Barco e na Rúa. En todas as localidades participan tres grupos diferentes, agás na capitalidade da provincia e en Ribadavia onde actuarán os 6.

A Deputación de Ourense achega estas Xornadas de Folclore un orzamento total de 140.000 euros. Con estes cartos sufragaranse ademais do financiamento dos grupos, o transporte de participantes a diferentes localidades, equipos de luz e son, decoración de escenarios e montaxe, publicidade , o salario dos presentadores e ou o pago aos provedores.

Tamén colaboran co festival: O Servizo Galego de Saúde —Sergas—, o Consello Internacional de Organizacións de Festivais Folclóricos e Artes Tradicionais —Cioff—  e a Consellería de Educación, Universidade e Cultura.



A  inauguración da XXXVI edición das Xornadas de Folclore celebrouse onte no Teatro Principal de Ourense. Todos os países participantes estiveron no acto inaugural  facendo exhibición as  súas bandeiras. Os directores de cada grupo e unha parella de bailaríns estiveron no escenario para amosar os seus traxes e a súa cultura aos presentes. A xefa de cultura da Deputación de Ourense, Patricia Torres ou a directora das Xornadas, Olga Mojón, foron algunha das autoridades asistentes.

Mañá, no Malecón do Barco, ás 22.30 horas, actuarán os músicos e bailaríns de México, Bolivia e Serbia.

Xornadas de Folclore no patio do colexio Santa Leonor da Pobra de Trives