Trives vestirase de negro contra a violencia machista

O Concello da Pobra de Trives súmase, por segundo ano consecutivo, á campaña En negro, contra a violencia, co obxectivo de continuar o traballo que se está a realizar contra a lacra da violencia de xénero. Únese Trives así a máis dun cento de concellos galegos e máis de 6.000 negocios e entidades implicadas, a unha iniciativa que quere facer visible o rexeitamento da cidadanía á violencia machista contra as mulleres.

Para o Concello trivés, «o mellor xeito de conseguir estes obxectivos é implicar a toda a cidadanía nunha resposta colectiva identificando, transmitindo e incidindo nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero». Precisamente considera este Concello que é fundamental «fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal».

Os actos a desenrolar terán lugar durante unha semana, dando comezo o luns día 19 de novembro coa colocación das pancartas no balcón do Concello e na Torre do Reloxo, e bandeiras na Praza do Pilón. Todos os locais da vila vestiranse de negro como xesto de unión á campaña «Trives en negro», que tamén chegará ao centro de ensinanza IES Xermán Ancochea Quevedo de man da directora e a asesora xurídica do Centro de Información á Muller, que falará co alumnado sobre a violencia de xénero.

Os maiores tamén terán información sobre esta campaña. Nos obradoiros de memoria anuais farase especial fincapé en actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

O venres 23 ás 20:30 horas, representarase no Auditorio Julio Vázquez a obra de teatro Loló e Mamá. Dende o punto de vista da igualdade, esta obra aborda dilemas da muller que conviven connosco día a día, e ofrece un análise sobre os valores tradicionais cunha mirada sexista das obrigacións da muller fronte á loita pola súa independencia.

Xa o domingo 25, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, terá lugar a ruta de sendeirismo Sempre libre e sempre viva, un percorrido de dificultade baixa, dunha hora de duración aproximadamente. A saída será ás 11:00 horas, diante da Praza do Concello.