Trives aproba por unanimidade declarar a Festa da Bica de Interese Turístico
O equipo de goberno de Trives aprobou no pleno ordinario, por unanimidade, solicitar a declaración da Festa da Bica como Festa de Interese Turístico de Galicia.
O alcalde de Trives, Francisco José Fernández, recordou que os efectos desta declaración só serán beneficiosos para o Concello e non supoñerán ningún prexuízo. De facerse efectiva, Trives podería acollerse a subvencións e axudas dedicadas a revalorizar a festa da Bica. Ademais, supoñería a inclusión desta festa nas accións de promoción da Xunta de Galicia. En canto as obrigacións que tería o Concello, Fernández destacou que non distarán moito das que se levan a cabo actualmente, salvo que terían a obrigación de incluír, nun lugar visible da cartelería e en toda a promoción, a marca turística de Galicia. "Todos os efectos son bos, todo son pros, non hai ningún contra, creo que se tiña que ter feito xa fai moito tempo".
O proceso a seguir para esta declaración, tras o acordo plenario, é presentar a solicitude acompañada dunha memoria que incluía cuestións relacionadas coa tradición desta festa. Ese dosier será remitido á Axencia de Turismo de Galicia, que emitirá unha proposta, favorable ou desfavorable, que irá destinado ao Consello da Xunta, sendo este o que decida definitivamente se se aproba ou non a declaración.
A pesar de que o acordo foi unánime, Jorge Vázquez, portavoz de Son de Trives, alegou que "gustaríanos ver esa memoria, que xa se está realizando, antes do pleno, para poder aternos a algo". Vázquez insistiu tamén no impulso que necesita a festa para potenciar o seu interese turístico, posto que polo de agora "resúmese nunha comida popular".
Dende a alcaldía, Fernández recordou a importancia da implicación do sector privado, posto que de dito sector depende a disposición e a calidade do produto. Afirmou que non é difícil, e que dende o Concello farán todo o necesario para garantir a viabilidade do evento gastronómico. Asegurou, ademais, que á Festa da Bica se acerca xente foránea e que Trives, se é coñecido, é precisamente pola Bica.