San Xoán de Río celebrou por todo o alto a Festa da Tenreira, arroupada por cargos do país e da provincia

Máis de 300 persoas participaron na cita gastronómica, que contou con autoridades, música e unha mostra rural e tecnolóxica

San Xoán de Río viviu este sábado, 20 de setembro, unha xornada de festa arredor da boa mesa e da convivencia. O polideportivo municipal acolleu a III Festa da Tenreira, na que máis de 300 persoas degustaron un completo menú: empanada de carne, langostinos cocidos, tenreira asada con patacas, bica, viño da D.O. Ribeira Sacra, café, augas e licores.

O alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua, valorou o evento como «un auténtico éxito, espectacular todo como sempre, con moitísima participación e a presenza de autoridades de primeiro nivel». Entre elas, destacou a asistencia do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, seis deputados autonómicos, numerosos alcaldes da comarca e representantes do Concello de Ourense.

A festa gastronómica estivo acompañada doutras dúas iniciativas. Pola mañá tivo lugar a primeira mostra Rural, Social e Tec, cun total de 14 postos procedentes de distintos puntos de Galicia e mesmo doutros países, como Chile, Venezuela, Brasil ou Rusia. «Foi espectacular, con participación de asociacións locais, do Inorde e tamén das mulleres de Río», explicou o rexedor.

Xa pola tarde, a programación continuou con reunións técnicas sobre fondos europeos e coa presentación de proxectos vinculados á igualdade —desenvolto xunto co Concello de Larouco— e ao voluntariado interseccional, no que mocidade e maiores colaboran en actividades comúns.

A chuvia fixo acto de presenza xusto despois da comida, mais respectou o groso da programación matinal. A nota musical puxoa Lucía Pérez, encargada de pechar unha xornada que Pérez Blecua definiu como «xenial, perfecta e de récord, comparada co ano pasado».

Relatorios sobre innovación e futuro do rural

Paralelamente á cita gastronómica desenvolveuse a sesión Rural SocialTech: Innovación e Economía Social de Futuro, celebrada no Concello de San Xoán de Río. A apertura correu a cargo de Marta Vázquez Guzmán, directora territorial da Consellería de Emprego en Ourense; do propio alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua; e de Eva D. Castro Outeiriño, especialista en proxectos de impacto social, que deron a benvida institucional aos asistentes.

O primeiro bloque estivo centrado nos fondos europeos para o desenvolvemento rural e a economía social, cunha presentación dos obxectivos da xornada e a intervención de Juan Manuel Revuelta, CEO de Finnova, quen compartiu experiencias de financiamento comunitario en Galicia.

A continuación, Pilar de Llamas, tamén de Finnova, falou das oportunidades que se abren para o emprendemento feminino no medio rural, presentando o proxecto Sembrando Iniciativa. Seguíronlle novas intervencións de Revuelta, nesta ocasión arredor do turismo sostible, a dixitalización e a innovación como motores de emprego no rural.

Outro dos momentos destacados foi a achega de Pablo López Arias, de AeroGuard Galicia & Emerxencias, quen expuxo os retos actuais da xestión forestal e a situación dos incendios en Galicia, propoñendo liñas de innovación social para mellorar a protección do territorio.

O bloque final estivo dedicado ao emprendemento, coa charla de Roberto Touza, de Startup.St, sobre como as startups, a innovación aberta e as metodoloxías áxiles poden transformar o rural.

O peche institucional contou coa participación de José Antonio Armada, director da Consellería do Medio Rural en Ourense; Rosendo L. Fernández, presidente do Inorde; e de novo o alcalde Pérez Blecua, que convidou a continuar a xornada nos espazos de networking e stands da mostra.