Manzaneda celebra o 26º aniversario da residencia de maiores con «misa e petiscada»
O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, participou esta mañá nos actos conmemorativos do 26º aniversario da residencia de maiores do municipio, un centro xestionado integramente polo Concello que supón un investimento importante para as arcas municipais.
A xornada arrancou cunha misa e rematou cun petisco para usuarios, visitantes e traballadores, nun ambiente de festa e recoñecemento para as persoas maiores da contorna.
Segundo explicou Amable Fernández, a residencia, que abriu as súas portas en 1999, é un «piar fundamental para a atención dos maiores» e conta hoxe cunha plantilla de 22 profesionais, entre eles especialistas como educadora e fisioterapeuta. Atende 40 residentes, moitos deles en situación de dependencia, e ofrece un ambiente moderno, cómodo e seguro nas súas instalacións situadas na finca de O Palomar, ao carón do centro de saúde e do centro de día.
O alcalde destacou o esforzo económico que supón para o Concello manter este servizo: “Unha parte importante do noso orzamento está aquí, porque son as persoas maiores as que máis o merecen, e temos que devolverlles o esforzo que fixeron durante anos”. Ademais, salientou que segundo datos do Ministerio, Manzaneda está entre os primeiros concellos de Galicia e de España en investimento por persoa nesta área.
Neste momento están en marcha obras de reforma integral financiadas con fondos europeos Next Generation, cun investimento superior a 300.000 euros, que permitirán renovar fontanería, calefacción, baños, ascensor e mellorar a zona de enfermaría e as habitacións, garantindo maior seguridade e confort para residentes e traballadores.«A dos baños e primordial sobre todo para aforrarlle traballo o persoal que atende aos maiores»
O prazo de execución é de catro meses, co servizo garantido durante todo o proceso, aínda que haberá un pequeno retraso na entrega. Van mais lentas do que deberían pero hai que ter en conta que están traballando sen desaloxar aos residentes. «Poderan xa ter terminado, pero van un pouquiño máis lento porque como se están facendo as reformas cos residentes na residencia, os traballadores que están vindo andan con todo coidadiño para manchar o menos posible e facer pouco ruido», explicaba Fernández.
Ademais do aniversario, o alcalde anunciou que en Manzaneda continúan os actos culturais durante o mes de xullo, como a andaina polo Castiñeiro de Pombariños e pequenas obras de pavimentación en San Miguel e Bidueira.