Máis de 500 gaiteiros no VIII Certame celtibérico

Os vindeiros 29 e 30 de xullo celebraráse na Estación de Montaña de Cabeza de Manzaneda o VIII certame celtibérico «Memorial Gabino García» con máis de 500 participantes.

Gaiteiros de Galicia, Castela e León e Alemaña participarán no evento e farán que os asistentes «Atopen en Manzaneda algo especial». Así o defende, Xosé Luis Foso director da Real banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

Esta xuntanza comezará o sábado 29 ás 22:00 horas coa celebración da «Noite celta». Xa o domingo, terá lugar a celebración do certame entre as 11:00 e ás 13:00 horas.

Neste acto concorrerán as bandas de gaitas de Vilariño de Conso, Flariz, Preparatorio, Concello de Riós, Ladies Band e Municipal de Chantada, para seguir coa exhibición dun «invitado especial», o Folión de Buxán cunha «tradición moi importante na zona», segundo asegurou Foxo.

Asemade, contarase coa actuación dunha representación do Centro Galicia de Ponferrada que será recoñecido durante estas xornadas.

Liesa e Ulrich Künzelmann e as bandas de Monforte de Lemos e a Real Xuvenil tamén estarán presentes.

A partires das 13:20 horas, e como é tradición, terá lugar a ofrenda floral na memoria do alcalde falecido Gabino García, que da nome ao evento.

A entrega de medallas e a actuación conxunta de todos os participantes botará o peche ao evento.

Todo isto co obxetivo de converter «Durante dous días a contorna da Estación de Cabeza de Manzaneda no centro da música da gaita e das nosas tradicións» como declarou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.