O léxico da contorna de Trives incorpórase ao Instituto da Lingua Galega

Visita do alumnado de 1º de bacharelato ao Instituto da Lingua Galega, con Antón Santamarina — lingüista galego e experto en lexicografía—.

Un conxunto de case 200 palabras en risco de desaparición inclúese no Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués. Foi elaborado polo alumnado do instituto Xermán Ancochea Quevedo

O alumnado do IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives realizou un traballo de investigación no que recompilou case 200 verbas en risco de desaparición na contorna. Agora esa base de datos pasará a formar parte do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués do Instituto da Lingua Galega (ILG)

Recóllense neste proxecto palabras da Pobra de Trives, Manzaneda, San Xoán de Río, Chandrexa de Queixa e Castro Caldelas. Conversamos sobre este fito coa docente de Lingua Galega do centro, Iria Fernández, e sobre a situación do idioma na comarca. 

SOMOS COMARCA: Comezamos co resultado. Que significa para vós que o ILG acepte este traballo de investigación?

IRIA FERNÁNDEZ: É un orgullo porque é un traballo dos rapaces, e ao final son profesionais que traballan na universidade e que incorporan o léxico os que decidiron valorar así este proxecto. É moi interesante

«Onde non todo está perdido»

SC: Como xurdiu a idea de elaborar esta base de datos?

IF: O ano pasado estiven traballando na Fonsagrada, onde se levou un proxecto similar a este —no que aínda traballan hoxe en día—. E de aí xurdiu, de por que non facelo na contorna de Trives. Porque sabía que tiña que haber léxico máis rural e algo máis en desuso, onde se mantén esa esencia e onde non está todo perdido

SC: Vemos que o léxico recollido non é só de Trives. 

IF: Decidimos limitarnos a eses concellos porque o alumnado provén deles. Saíron as palabras case sen insistir moito, preto de 200. Fóronse recompilando nunha base de datos para favorecer tamén o traballo coas novas tecnoloxías. Pero foi fácil. 

Moitas delas aínda se empregan e outras non, eran completamente descoñecidas para os alumnos —por exemplo aquelas relacionadas cos oficios tradicionais—. 

Visita do alumnado de 1º de bacharelato ao Instituto da Lingua Galega.

SC: Como docente de Lingua Galega, observas unha decadencia no seu uso diario?

IF: Cando me chamaron hai un ano para vir a Trives estiven moi contenta porque relacionei o ámbito rural con falar galego. Pero a miña sorpresa foi que nos primeiros cursos falan castelán, e nos últimos falan galego. Vexo que o castelán está penetrando con forza e está pasando a ser a primeira lingua dos máis novos. 

Supoño que tamén ten que ver co colexio. Por exemplo os profesores estamos itinerantes e pasamos pouco tempo nun lugar. Entón quizais haberá docentes que falen en castelán. Ou tamén por influencia da televisión, redes sociais, etcétera. Pero é difícil atribuir un motivo específico, habería que facer un estudo sociolóxico. 

SC: Vemos que este traballo entra nun rexistro onde tamén hai verbas en portugués.

IF: Hai bastantes habitantes que proveñen de Portugal nesta zona. Nesta especie de conxunto do ILG —na páxina web— podes introducir unha palabra e aparecen tres mapas: Galicia, Portugal e Brasil. E aí aparece se hai equivalencias entre diferentes verbas. Paréceme algo moi curioso toda esta relación. 

Neste enlace de audio está a entrevista completa: