Gran acollida da conferencia de Amelia Tiganus sobre xuventude, internet e violencia sexual

Gran acollida da conferencia de Amelia Tiganus en A Pobra de Trives sobre xuventude, internet e violencia sexual
O evento, organizado polos Concellos de A Pobra de Trives e San Xoán de Río no marco das actividades do 8M e financiado polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, congregou un público moi diverso

O Auditorio Julio Vázquez de A Pobra de Trives reuniu a un público numeroso para asistir á conferencia «Xuventude, internet e violencia sexual; quen gaña?», impartida por Amelia Tiganus o pasado mércores 19 de marzo. O evento, organizado polos Concellos de A Pobra de Trives e San Xoán de Río no marco das actividades do 8M e financiado polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, congregou un público moi diverso, destacando a presenza de mozos e mozas interesados en comprender mellor os riscos da era dixital en relación coa violencia de xénero.

A charla de Tiganus, coñecida pola súa traxectoria como activista, escritora e formadora en materia de explotación sexual, deixou unha fonda pegada entre os asistentes. Cun discurso impactante e baseado tanto en datos como na súa propia experiencia como sobrevivente da trata de mulleres, abordou temas clave como a normalización da pornografía, a hipersexualización da xuventude e os perigos das redes sociais como ferramenta de captación para as mafias da prostitución.

Momento de la charla de Amelia Tiganus

Durante a súa intervención, a autora de A revolta das putas: de vítima a activista e Amelia: historia dunha loita desmontou mitos sobre a prostitución e expuxo a necesidade de combater esta forma de violencia sexual dende unha perspectiva feminista e abolicionista. Ademais, insistiu na importancia de educar á mocidade para construír unha sociedade máis xusta e libre de explotación.

O evento finalizou cunha quenda de preguntas na que o público participou activamente, formulando cuestións sobre o marco legal, o papel da educación e as alternativas para combater a violencia sexual en internet. As súas respostas, cheas de coñecemento e paixón, confirmaron por que é unha das voces máis influentes na loita contra a explotación sexual.

A elevada asistencia e o interese xerado demostraron a necesidade de continuar impulsando este tipo de iniciativas. Dende a organización valoraron moi positivamente o impacto da conferencia e reiteraron o seu compromiso coa sensibilización e prevención da violencia de xénero entre a mocidade.

Un éxito rotundo para unha charla que deixou unha mensaxe clara: a loita contra a violencia sexual require información, compromiso e acción.