Un total de 43 rapaces participarán un "Obradoiro de Improvisación Oral en Verso"

Esta actividade está organizada dende o departamento de Normalización Lingüística do Concello de Quiroga e o de Ribas de Sil

Dende o departamento de Normalización Lingüística  organízase conxuntamente, entre o Concello de Quiroga e o Concello de Ribas de Sil, un “Obradoiro de Improvisación Oral en Verso”.

Esta actividade, dirixido ao  alumnado de 5º e 6º de Primaria dos CEIP destes dous municipios —43 rapaces—, levarase a cabo o día 24 de setembro entre as 11:00 e as 12:30 no Salón de Actos da Casa da Cultura de Quiroga.

A actividade  conxunta de todo o alumnado participante comeza cunha pequena demostración por parte dos regueifeiros: Luís "O Caruncho" e Pinto d'Herbón. No transcurso da sesión, que ten unha duración de 90 minutos, falarase sobre a historia da regueifa e de como chegou aos nosos días, cantarase un romance de cego enumerando diferentes lugares do mundo onde hai improvisación en verso e faranse prácticas de rima e ritmo.

Despois da práctica construiranse unha serie de coplas colectivas que se cantarán coa intención de practicar o ritmo da regueifa. Na última media hora, cada alumno fai as súas coplas individualmente ou en grupo.

Os obxectivos desta iniciativa, segundo matizou o concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Manuel Fernández, son fomentar o uso do galego; o enxeño, a retranca, e o aumento do vocabulario; mellorar a autoestima; fomentar a musicalidade; e sementar o gusto pola poesía.