Quiroga contará con máis espazo para o ocio ao aire libre

En total ampliaránse 46 metros cadrados nunha praza céntrica da vila

O Concello de Quiroga continúa aumentando o espazo libre que ten no entronque da rúa Real coa rúa Lago. Este espazo vai ser aumentado nun total de 46 metros cadrados tras a adquisición dun novo terreo que quedaba facendo esquina.
 

Para levar a cabo esta compra aprobouse esta mañá, en sesión plenaria, a dotación do orzamento preciso.

A Administración Local comezou a traballar nesta zona no pasado ano 2020, cando adquiriu un terreo abandonado de 191 metros cadrados cunha edificación en ruínas. Contando cunha achega económica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dentro do plan HURBE púxose en marcha a intención de contribuír a facer o centro da vila máis útil.

Posteriormente a este espazo uniuse outra parcela cunha edificación con expediente de ruína e da que os propietarios non se facían cargo.
 

Finalmente tras máis de dous anos e ante a negativa dos propietarios a facerse cargo da súa demolición ou deixar actuar ao concello, tivo que aplicarse a normativa subsidiaria. Unha vez que se cumpriu con todos os trámites administrativos, incluída a publicación en boletíns oficiais, finalmente foi o xulgado o que autorizou que o concello puidese entrar nesta propiedade privada.

Agora a este espazo que está baleiro e acondicionado únese este novo terreo. Dotado xa con bancos e árbores está complementándose cun gran mural que se está pintando nunha das fachadas e que representa a unha peregrina do Camiño de Inverno, ruta Xacobea que pasa xusto por diante deste terreo.

Foto: Concello de Quiroga.