Quiroga achégase á figura máis íntima de Castelao coa proxección de “Antes de Nós”

A película de Ángeles Huerta, que reconstrúe dous momentos decisivos na vida do autor, formar parte do ciclo cultural “Seráns de cine e teatro” este sábado na Casa da Cultura.

O Concello de Quiroga continúa a súa aposta pola difusión das artes escénicas e audiovisuais coa programación dos “Seráns de cine e teatro”, un ciclo que durante novembro e decembro está a encher a axenda cultural do municipio con espectáculos e películas galegas. A seguinte proposta terá lugar este sábado 29 de novembro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura, coa proxección de “Antes de Nós”, unha das obras recentes máis relevantes do cinema galego.

Dirixida por Ángeles Huerta e escrita por Pepe Coira, a película ofrece unha mirada distinta sobre Castelao, afastada do mito político para centrarse no home que foi antes de ser símbolo. O relato constrúese arredor da relación entre Castelao e a súa muller, Virxinia, interpretados por Xoán Fornelas e Cris Iglesias, en dous períodos marcados por cambios profundos tanto na súa vida persoal como no país.

Por unha banda, o filme sitúanos en 1918, cando Castelao abandona a súa praza de funcionario para exercer como médico en Rianxo en plena epidemia de gripe española, unha época na que se debate entre o compromiso co pobo e a distancia que isto abre no fogar. A outra liña temporal leva a audiencia a 1929, cando o matrimonio viaxa pola Bretaña poucos meses despois da morte do seu fillo, nun intento por recompoñer un vínculo ferido pola perda.

A rodaxe percorreu lugares estreitamente ligados á biografía do autor, como Rianxo e Pontevedra, que conservan parte da esencia daqueles anos, así como outros escenarios galegos —A Estrada, Santiago de Compostela e Muros— que contribúen a unha ambientación histórica coidada e verosímil.

“Antes de Nós” supón a terceira longametraxe de Huerta, que en 2017 debutara con Esquece Monelos, obra premiada en varios certames, e posteriormente con O corpo aberto, que se consolidou como unha das grandes triunfadoras dos Premios Mestre Mateo 2023. A súa nova película, centrada na dimensión emocional de Castelao, chega agora a Quiroga como unha oportunidade para descubrir unha faceta máis humana e menos coñecida do autor.