Domingo de desfile de Entroido en Quiroga

O Entroido en Quiroga continúa coa súa troula e ledicia. A rúa principal, a Rúa do Real, converteuse este domingo, 2 de marzo, nunha auténtica pasarela de disfraces, onde comparsas e participantes individuais fixeron gozar a veciñanza co seu enxeño e creatividade.

Este ano, o desfile contou cun total de sete comparsas inscritas e catro disfraces individuais, mantendo viva a tradición dun dos eventos máis esperados do ano. O percorrido levou aos participantes desde a zona da gasolinera, pola Rúa Real ata as inmediacións da Casa Consistorial, onde houbo  un animado baile a cargo da charanga Os Caliqueños. Ademais, todos os asistentes gozaron dun chocolate con churros, unha doce recompensa despois da festa.

Para garantir o bo desenvolvemento do desfile, a Policía Local solicitaba a colaboración da veciñanza para evitar estacionar vehículos ao longo da Rúa Real, entre a cafetería As Palmeras e o Bar Zorro, permitindo así un percorrido fluído e seguro.

Un comezo de Entroido moi reivindicativo

O mel, o viño, o aceite e as castañas foron a fonte de inspiración dos estudantes do colexio de Quiroga. Estes produtos, fundamentais na economía local, representan a riqueza agrícola e o desenvolvemento sostible da zona.

Ademais, todos eles, agás as castañas, contan cunha festa propia ao longo do ano, onde se exaltan as súas propiedades e a súa importancia para o concello.

Os nenos e nenas do CEIP de Quiroga foron os encargados de abrir esta colorida celebración. Acompañados polos seus mestres, desfilaron dende o centro educativo ao longo da rúa principal da vila, lucindo disfraces inspirados nestes tres dos produtos máis emblemáticos da comarca: mel, viño e aceite.

A implicación do profesorado e do alumnado fixo que o desfile fose todo un espectáculo, con coreografías que puxeron a bailar á veciñanza, que se achegou ás rúas para gozar do evento.

Máis festas para pequenos e maiores

O luns, 3 de marzo, será a quenda dos máis pequenos da casa cunha festa infantil de Entroido, a partir das cinco da tarde no salón multiusos do centro social. Haberá merenda gratuíta para todos os nenos e nenas asistentes, ademais de moita música a cargo do DJ local Michel, quen se encargará de manter a enerxía ben alta.

O martes, a celebración continúa no centro social de Quiroga cunha chocolatada e orellas para todos os socios e socias. A partir das cinco da tarde, a festa seguirá con música e moita diversión. Dende a Concellería de Servizos Sociais animan aos asistentes a acudir disfrazados para engadir máis cor e alegría a este encontro, facendo que a despedida do Entroido sexa inesquecible.

O Entroido en Quiroga, fiel á súa esencia, segue a consolidarse como unha celebración chea de tradición, ledicia e moita participación, onde a cultura e a festa se dan a man para o goce de todos os que acudan.