"Descubrir Quiroga" inclúe 13 actividades gratuitas para este verán
O Concello e a Deputación Provincial asinaron o acordo de colaboración no que se achegará unha contribución de 10.000 euros ao programa
O Tenente de Alcalde do Concello de Quiroga e concelleiro de Turismo, Vicente Parra, e o Presidente da Deputación Provincial, José Tomé Roca, asinaron un acordo de colaboración no que a institución provincial achega unha contribución de 10.000 euros para colaborar nun programa de dinamización turística para este verán en Quiroga.
O programa “Descubrir Quiroga”, posto en marcha pola Concellería de Turismo en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello, pretende poñer en valor os diferentes recursos turísticos que se atopan neste municipio en liña coa campaña do Xeoparque Montañas do Courel, "Auga é vida". O programa inclúe un total de 13 actividades gratuítas como roteiros, concertos, actividades acuáticas, catas cos produtos da terra e moito máis.
A seguinte parada será o vindeiro mércores 31 de xullo cunha actividade para coñecer a arte urbana de Quiroga. Este novo roteiro levará os participantes a coñecer todos os murais cos que conta a vila quiroguesa, o seu remate gozarán dunha cata de viño comentada pola adega Casa de Outeiro na Casa do Estanco e un concerto acústico de Mario Colomán
O venres, dous de agosto, terá lugar o roteiro Coñece os Museos de Quiroga, as rochas que pisamos e os seus sabores: castaña, marmelada e mel. Visitaranse os dous museos locais facendo un percorrido diferente. A actividade finalizará cunha degustación de produtos locais da man de Caurelor.
As seguintes citas serán o 21 de agosto co Descubrimento do barranquismo en Campodola; o 30 de agosto o Roteiro da encomenda de Quiroga; 31 de agosto coa visita a Montefurado, terra de romanos. No mes de setembro o día 13 novamente barranquismo enCampodola;o día 21 Paisaxes sonoros do Val da Seara e finalmente o 28 de setembro o Camiño de inverno á inversa.
As persoas que desexen participar nalgunha destas actividades deberán formalizar a súa inscrición de xeito presencial na Casa da Cultura de Quiroga ou enviando un correo electrónico á seguinte dirección cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es. A hora límite para anotarse será ás 13:00 horas do día anterior a actividade que se desexe realizar.