Case o 100% dos apicultores de Quiroga acudirán a súa Mostra do Mel
Será o 10 de agosto coincidindo coa «feira grande» e as «Festas de Verán» da vila
A Mostra do Mel de Quiroga acada este ano a súa trixésimo terceira edición. Súmanse dous apicultores máis que na pasada edición, así serán oito os que mostren os seus produtos no evento organizado polo Concello de Quiroga.
O alcalde, José Luís Rivera, manifestaba o seu contento xa que «son practicamente a totalidade de apicultores os que ofrecerán o mel aos visitantes». Neste senso explicou que a mostra é «unha oportunidade para dar a coñecer os produtos e promocionalos». Ademais sinalou o sacrificio que fan os apicultores traendo aos expositores a mel xa que «foi un ano en que a produción non foi tan importante coma en anos anteriores».
A Mostra do Mel coincide coa «feira grande» e a «Festa do Verán», por iso estará animada por grupos de gaitas e charangas. «Haberá sesión vermú e gaiteiros para darlle ambiente á mostra», recalca Rivera.
Ademais dos festexos populares haberá «moitas actividades todos os días. Estamos sorprendidos coa xente que participa en todas elas, manifestaba o alcalde.
Exposición fotográfica e presentación do libro «Manuel María e o Val de Quiroga»
O historiador e profesor quirogués Xosé Estévez, presenta o vindeiro mércores 24 de xullo o seu novo libro «Manuel María e o Val de Quiroga». Esta actividade organizada dende a Concellería de Cultura do Concello de Quiroga terá lugar na casa da cultura a partir das sete da tarde.
Xosé Estévez é autor de máis dunha ducia de libros e coautor de case medio cento, ademais de ser escritor incansable de artigos periodísticos e participar en conferencias, congresos e simposios.
Neste novo libro o autor recolle cartas e publicacións de Manuel María e fala sobre a súa vinculación con Quiroga. En palabras do propio autor “trátase dun trío entre Manuel María, Quiroga e eu mesmo”.
A súa profunda amizade con Manuel María fai que posúa numerosos escritos enviados polo autor de Sonetos ao Val de Quiroga. Obra que escribiu pola insistencia de Estévez e da que lle enviou unha copia antes da súa publicación para que lle fixese o limiar.
Xosé Estévez é Diplomado en Estudios Eclesiásticos, Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidad Complutense de Madrid. Doutor en Filosofía y Letras por la Universidad Deusto, da que foi profesor durante moitos anos; pero sobre todo é un gran historiador de Quiroga.
«A través dos seus escritos da a coñecer lugares e personaxes, moitos deles desaparecidos, que nos dan unha visión da Quiroga dos anos 70 é tamén de importantes persoas vinculadas nalgún momento con Quiroga como puido ser Vicente Vázquez Queipo, inventor das táboas dos logaritmos, e que participou en París na unificación da métrica como hoxe a coñecemos. Xosé Estévez é un incansable estudoso da nosa historia e fiel seguidor da crenza de que “non se ama o que non se coñece”», sinalan desde o Concello.
Todo un verán para descubrir Quiroga
Dentro das actividades culturais, o Roteiro Literario Musicado de Quiroga do programa de dinamización turística «Descubrir Quiroga», comezou este venres 19 de xullo e contou con relatos de Xosé Estévez, Celia Días e Ramón Vila, ademais da música de Xavier Blanco.
A través destas voces coñecerase a vida, a obra e a vinculación con Quiroga dos escritores Ánxel Fole, Ernesto Guerra da Cal, as irmáns Pura e Dora Vázquez, Manuel María, Eduardo Moreiras, Luís Losada e Uxío Novoneira. Este itinerario literario remata cunha degustación de viños na adega Val de Quiroga.
Os interesados en participar nestas actividades totalmente gratuítas, das que se da puntualmente información no Instagran de turismo, turismo.quiroga, terán que anotarse na Casa de Cultura, ben persoalmente ou a través do correo cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es antes das 13:00h do día anterior á realización da actividade.
O programa “Descubrir Quiroga”, organizado dende a Concellería de Turismo, en colaboración coa de Cultura e co apoio financeiro da Deputación de Lugo, conta con máis dunha ducia de actividades durante o verán.
O pistoletazo de saída era o “Roteiro das fervenzas de Quiroga” realizado o pasado venres e este sábado día 13, con todas as prazas cubertas, levará aos participantes a descubrir o barranquismo en Campodola.