Aberto o expediente de contratación para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar en Quiroga
O Concello de Quiroga vén de aprobar en Pleno Ordinario de data 1 de marzo de 2024 o expediente de contratación, mediante procedemento aberto urxente, relativo á adxudicación do contrato para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar. Así mesmo, tamén se aprobaron os Pregos de Cláusulas Económico Administrativas e de Prescricións Técnicas que rexerán o contrato (por dous anos) para o futuro contratista.
A aprobación alcanzouse con 3 votos a favor de IxQ (Independentes Por Quiroga), 2 do Partido Socialista de Quiroga e 1 do BNG de Quiroga. O Partido Popular de Quiroga votou en contra (5).
Ditos Pregos supoñen «un aumento de 348 horas ao mes para atender a usuarios/as en modalidade de ‘Dependencia’, e garantirán ás auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar recibir como complemento por desprazamentos co seu propio vehículo 0,24 € por quilómetro», aseguran dende o equipo de Goberno do Concello de Quiroga.
Neste último punto, «queremos blindar que a empresa adxudicataria compense ao persoal laboral, como mínimo, con ese importe, cantidade que se axusta á aplicación do IPC real á cantidade por quilómetro establecida no Convenio Colectivo vixente para a Actividade de Axuda a Domicilio en Galicia (DOG 16/02/2010 e 21/11/2012) que é de 0,18 €», explican.
Dende o Equipo de Goberno e a Área de Servizos Sociais, «lembramos que o novo expediente de contratación sairá a licitación polo importe de 1.408.661,28 € (por dous anos) o que supón un incremento de 391.813,92 euros no orzamento municipal en comparación co expediente de contratación anterior».