martes. 19.03.2024

Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 149 hectáreas, das cales 40 son de monte arborado e 109 de monte raso

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello lugués de Quiroga, parroquia de Montefurado, quedou controlado ás 16:18 horas. As novas de que quedaba estabilizado chegaban as 13:00 horas deste 25 de xullo.

Intres antes de redactar esta información, cando se estaban a sacar as fotografías que ilustran a noticia, as brigadas estaban a refrescar a zona. Fomos testemuñas dunha forte treboada que caeu no lugar polo que se pode dicir que o incendio está prácticamente extinguido.



In situ puidemos comprobar o cerca que estivo do pobo de Montefurado e, mesmo falar cunha veciña, quen nos contaba: «Pasamos moito medo. As chamas eran moi altas xa que nesa zona os pinos son moi altos  —sinalaba o lugar mentres falaba—. O calor era sufocante e o fume case que non nos deixaba respirar. Pasamos moito, moito medo.

O incendio forestal iniciouse ás 17,32 h. de onte e, segundo as últimas estimacións, afectou unha superficie de 149 hectáreas, das cales 40 son de monte arborado e 109 de monte raso. Esta medición é provisional ata que, unha vez rematado o lume, se parametrice a superficie final afectada. Para controlar este incendio mobilizáronse 1 técnico, 16 axentes, 42 brigadas, 20 motobombas, 1 pa, 10 helicópteros e 3 avións.



A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.


Controlado o incendio de Montefurado