jueves. 28.03.2024

As lapas continúan quiemando superficie en Pradorramisquedo tras máis de 3 días de intensa loita contra o lume

O incendio producido na parroquia de Pradorramisquedo, no Concello de Viana do Bolo, continúa activo tras 3 días de loita contra as lapas. Este lume comezou na mañá do luns e, segundo as últimas estimacións dadas pola Consellería de Medio Rural, afecta provisionalmente unhas 130 hectáreas de superficie. No lugar lévanse mobilizado 13 axentes, 36 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 9 avións e 8 helicópteros.

Pola súa banda o incendio de Rubiais, pertencente ao mesmo concello, deuse por extinguido ás 22:43 horas de onte. Segundo as últimas estimacións, afectou unha superficie de 50 hectáreas, das cales 47 corresponden a monte raso e as 3 restantes son de arborado. Para a súa extinción mobilizáronse en total 6 axentes, 21 brigadas, 8 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085

As lapas continúan activas en Pradorramisquedo tras 3 días de loita