O subdelegado do Goberno pon en valor o traballo de Bodegas A Tapada

O subdelegado do Goberno pon en valor o traballo de Bodegas A Tapada.
Eladio Santos visitou esta adega logo de que o seu viño «Guitián Fermentado en Barrica 2022» recibira o Premio Alimentos de España na modalidade de Mellor Viño Branco

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou Bodegas A Tapada, en Rubiá, con motivo do premio que vén de recibir o seu viño «Guitián Fermentado en Barrica 2022» polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Trátase do Premio Alimentos de España na modalidade de Mellor Viño Branco

Os gañadores foron seleccionados entre os viños mellores puntuados no concurso internacional Bacchus 2024 e que se presentaron á convocatoria ministerial. Os propietarios da adega de Rubiá, Senén e Carmen Guitián recibiron ao subdelegado, quen subliñou que son «pioneiros na recuperación da uva, na variedade de godello, que está moi vencellada á zona histórica na que radica a D.O. Valdeorras».

Pola súa banda, o xurado argumentou a súa elección destacando deste viño a súa «entrada ampla e agradable, de paso sedoso con marcadas sensacións cítricas. É complexo e elegante, cun final longo e persistente». Apunta ademais que «conta cunha moi boa intensidade aromática con predominio de froita branca e cítrica». 

O subdelegado do Goberno aproveitou a visita para poñer en valor a importancia do sector vitivinícola, confiando en que «este recoñecemento impulse non só a esta adega, senón a todos os viños da D.O. Valdeorras».