jueves. 18.04.2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicó o decreto  que crea a Rede de parques naturais de Galicia, unha iniciativa que permitirá acadar unha xestión coordinada dos seis espazos galegos declarados como parques naturais, xunto co Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.

Na actualidade, existen en Galicia seis parques naturais: o monte Aloia; a Baixa Limia-Serra do Xurés; o complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán; as Fragas do Eume; o Invernadeiro; e a Serra da Enciña da Lastra no concello de Rubiá.

Esta nova rede articúlase ao redor de tres eixos: coordinación; xestión e uso; e promoción e posta en valor. Máis polo miúdo, propón sete liñas de actuación, con 51 accións concretas: converter os parques naturais galegos nun modelo de xestión compartida e coordinada; fomentar a cooperación e promover proxectos comúns; potenciar os parques como valor de desenvolvemento económico e dinamizador das economías locais; coñecer os datos e cifras relativas á xestión destes enclaves; situar a marca Parque Naturais de Galicia como referente en España baixo unha identidade corporativa global; capitalizar o patrimonio natural galego a través da súa promoción; e potenciar as singularidades de cada parque para converter á rede na icona da España verde e como espazos de interese de Europa.

Ao abeiro desta rede, poranse en marcha diversas medidas novidosas, como a creación do Club de Produto dos Parques Naturais de Galicia; ou o deseño de novas rutas temáticas e unha rede de miradoiros.

Ademais, manteranse iniciativas como a organización de xornadas de cooperación; porase en marcha un plan de sinalización para todos os parques; e habilitaranse rutas accesibles para todos. Ao mesmo tempo, establécese que os parques contarán con guías especializados, cun título e formación continua; fomentarase a elaboración de traballos científicos e de investigación sobre estes espazos; e potenciaranse as empresas sustentables nas áreas de influencia, en áreas colmo a agricultura ecolóxica ou o ecoturismo.

En definitiva, a Rede de Parques Naturais de Galicia será a folla de ruta para os próximos anos, que permitirá dar resposta a retos importantes como facilitar a accesibilidade nos parques, e apostar polo emprendemento e a economía sostible, sen perder de vista a necesidade de incidir na sensibilización ambiental dos galegos.

A Serra da Enciña da Lastra incluída na rede de parques naturais de Galicia