A Serra da Enciña da Lastra, un dos tres espazos imán da provincia de Ourense
A provincia de Ourense conta con tres espazos imán identificados no Plan de Promoción presentado pola directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, co que se pretende atraer visitantes a paraxes que se atopan na mesma área de influencia. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación del Territorio destinará catro millóns de euros para a posta en marcha deste plan, que poñerá en valor o patrimonio natural de Galicia.
É o caso da Serra da Enciña da Lastra, que xunto coa Serra do Xurés e O Invernadoiro, é conforman os espazos imán cos que conta a provincia de Ourense, do total de 17 existentes en toda Galicia.
Ana María Díaz , acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, avanzou que o obxectivo co que se traballa é que estes espazos se transformen nun atractivo para impulsar e dinamizar o patrimonio natural da súa contorna máis próxima, posto que destacan polo seu alto valor patrimonial e por seren os espazos naturais máis recoñecidos polos galegos e persoas que visitan Galicia.
Na súa intervención, Ana Díaz fixo fincapé en que a provincia de Ourense ten a “sorte de acoller tres dos 17 espazos cos que conta Galicia. Estes enclaves ofrecen a quen os visita a oportunidade de gozar dunha experiencia turística dende un punto de vista sostible, combinando a observación da natureza co deporte activo, a historia e co patrimonio material e inmaterial".
O Plan conta con tres eixes de actuación: a posta en valor do patrimonio natural, a promoción e comunicación do patrimonio, a través de feiras e elaboración de paquetes turísticos, e a educación ambiental e divulgación dos recursos naturais de Galicia. Desenvolverase ao longo dos vindeiros catro anos e permitirá levar a cabo 29 actuacións distintas. Integra, ademais, unha nova imaxe de marca baixo o lema: “Galicia, natural e única”.
Unha das novidades que recolle este plan é a posta en marcha da primeira plataforma web da Rede de Parques Naturais de Galicia, cuxo obxectivo é ofrecer ás persoas que visitan os parques toda a información para sacar o máximo proveito da súa visita. A web inclúe información práctica sobre como chegar, as visitas e rutas que poden realizar, ou os servizos cos que alí se van atopar.
Tamén se realizou unha renovación da aplicación para dispositivos móbiles, que agora contén información máis actualizada e accesible, tanto dos valores dos parques como dos recursos que se atopan nos mesmos, e establece enlaces cos servizos de información de concellos e mancomunidades da súa área de influencia.