Rutas que deixan pegada: a Serra da Enciña da Lastra convértese nunha experiencia única dentro de “Rutas que Rexeneran”

Natureza e patrimonio uníronse nun itinerario que percorrue Biobra e Porto e culminou cunha cata de meles no corazón do Marquesado

Redescubrir o territorio dende dentro, con calma e sentido. Ese é o espírito co que nace o programa “Rutas que Rexeneran”, unha iniciativa que convida a coñecer a provincia de Ourense a través de experiencias que van moito máis alá dun simple paseo.

Non son rutas ao uso, son camiños con alma. Itinerarios que conectan natureza, cultura, gastronomía e sostibilidade para transformar cada paso nunha vivencia única. E unha das propostas máis singulares é a que percorreu o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, entre as aldeas de Biobra e Porto, no concello de Rubiá.

Un percorrido entre montañas e miradoiros

A ruta, de 8,4 quilómetros e carácter lineal, seguiu un dos tramos máis auténticos do Camiño Natural da Vía Nova. Cun desnivel que tende á baixada, permitiu gozar con tranquilidade dunha paisaxe pouco común en Galicia, de clara influencia mediterránea.

O punto de partida situouse en Biobra, onde o Centro de Visitantes do Parque Natural ofreceu as primeiras claves para entender este territorio kárstico, marcado polas súas covas e formacións calizas.

Dende aí, o camiño ascendeu ata o Miradoiro de Portela, un dos grandes atractivos da ruta. Dende este punto, ábrese unha panorámica espectacular sobre o encoro de Penarrubia e a veciña provincia de León, mentres que durante o ascenso apareceron outros miradoiros naturais sobre o val do río Galir e a aldea de Oulego.

Un ecosistema único en Galicia

Xa no corazón do parque, o itinerario discorreu entre enciñas, unha especie pouco habitual no resto da comunidade. A vexetación complétase con érbedos, tomiño e, en primavera, unha sorprendente variedade de orquídeas silvestres.

Tal e como relataba Cecilia Fernández tras completar a experiencia, «aínda que non era o mellor momento de floración, atopamos cinco ou seis exemplares de tres especies distintas», o que engadiu un valor especial á andaina.

A fauna tamén ten aquí o seu protagonismo, sendo este un dos mellores espazos de Galicia para a observación de aves rapaces.

Imaxe de Cobas e encoro de Penarrubia

Da natureza á tradición melífera

O percorrido rematou na aldea de Porto, tras un descenso progresivo que levou aos camiñantes ata unha zona máis resgardada, próxima ao río Sil.

Pero a experiencia non rematou aí. A xornada complétaouse coa visita á empresa apícola “O Marquesado”, onde os participantes se achegaron ao mundo das abellas e á elaboración do mel. «Recibíronnos Toña e Jens, explicáronnos todo o proceso e fixemos unha cata con tres tipos de meles diferentes. A verdade é que estivo moi ben», sinala Cecilia unha das participantes

Un final perfecto que combina coñecemento, tradición e sabor.

Unha proposta para sentir o territorio

“Rutas que Rexeneran” demostra que o turismo pode ser tamén unha ferramenta de conexión co territorio. Unha forma de mirar con outros ollos, de escoitar, de aprender e de sentir.  Porque, como resume quen xa a viviu, «é unha zona moi chula e moi boa para esta época do ano».

E iso, ás veces, é o máis importante, volver a descubrir o que temos preto coma se fose a primeira vez.

Fotos de Cecilia Fernández

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado