A auga, protagonista da V Ruta BTT do Viño de Valdeorras

)

A chuvia realzou a beleza outonal dos viñedos valdeorreses nun percorrido que combinou deporte, natureza e enoturismo

A quinta edición da Ruta BTT do Viño de Valdeorras celebrouse este domingo no municipio de Rubiá, que se converteu no escenario perfecto para unha xornada marcada pola beleza da paisaxe e pola presenza constante da auga. A chuvia, lonxe de restar atractivo, realzou as cores do outono que van tinguindo os viñedos da comarca, ofrecendo unha imaxe única e vibrante do territorio valdeorrés.

Os motoristas que abrían a proba entre viñedos e ao fondo Rubiá

A proba, de carácter non competitivo, estivo organizada pola Ruta do Viño de Valdeorras coa colaboración do Concello de Rubiá, a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense. A saída tivo lugar na Praza da Baicela, dende onde partiron ao redor de 160 ciclistas participantes para percorrer un trazado de gran valor paisaxístico e cultural que atravesou o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, zonas de viñedo, elementos do patrimonio local e mesmo un tramo da antiga Vía Nova romana.

Montse Rodríguez, Xose Merelles, María del Carmen González y Elías Rodríguez cortando la cinta  inaugural

A organización puxo especial énfase no respecto ao entorno. O itinerario non foi sinalizado ata o día anterior e evitáronse limpezas invasivas para preservar a vexetación do parque. Ademais, o percorrido contou con tres puntos de avituallamento situados en enclaves de interese natural, onde se ofreceron produtos locais e viños das adegas pertencentes á Denominación de Orixe Valdeorras.

Vista do miradoiro sobre a aldea de Cobas onde se realizou o primeiro avituallamento

De maneira paralela, desenvolveuse unha actividade gratuíta dirixida aos acompañantes, consistente nun paseo guiado entre viñedos e unha cata na adega Cepado, na que se degustaron referencias de dúas das adegas asociadas á Ruta do Viño.

Diego D¡Fernández, xerente de Adega O Cepado onde se realizou unha cata

Na saída da proba estiveron presentes a vicepresidenta da Ruta do Viño de Valdeorras, Montse Rodríguez; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a deputada provincial María del Carmen González; e o alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez.

Xose  Merelles e Ezequiel Mosquera participante estelar na proba BTT

Durante  o acto inaugural, Montse Rodríguez destacou que esta iniciativa está xa consolidada no calendario anual da Ruta do Viño: «Estamos hoxe aquí para celebrar a quinta edición dunha actividade que xa forma parte da nosa axenda anual.

Victor Fernández e Jose Parra dando as ordes pertinentes antes da saída

É unha proba non competitiva que propón unha ruta emocionante sobre dúas rodas polos enclaves máis singulares do concello de Rubiá», sinalou.«Valdeorras ten moito que amosar, e esta é unha maneira de combinar deporte, natureza e promoción turística», engadiu.

Deportistas na zona do miradoiro de Cobas

Pola súa banda, Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia, subliñou o valor deste tipo de accións para dar visibilidade ao territorio: «A verdade é que Valdeorras é unha terra resiliente, forte e con moitas ganas de recuperarse. Iniciativas como esta serven para proxectar a nosa imaxe e para dar a coñecer unha das terras de interior máis fascinantes de Galicia», afirmou.

O participante máis noviño da BTT

En ton distendido, a deputada María del Carmen González animou aos participantes a gozar da xornada a pesar da meteoroloxía adversa: «Supóñome que a Ruta do Viño vos terá ben preparados, cun bo godello enriba. Grazas polo esforzo e pola imaxe de superación que amosades, mesmo nos días complicados», dixo entre aplausos.

A participante feminina

Finalmente, o alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez, deu a benvida aos asistentes e puxo en valor o patrimonio natural do municipio: «Temos aquí unha pequena xoia, o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, que é de todos. A pesar da chuvia, vai ser un día extraordinario para gozar deste espazo único», afirmou. «Quero agradecer á Ruta do Viño por traer esta proba a Rubiá e por seguir impulsando os nosos viños, especialmente o godello, que é un dos mellores do mundo», engadiu.

Preparados para a saída

A chuvia foi, sen dúbida, a protagonista desta quinta edición, mais non conseguiu minguar o entusiasmo dos participantes nin a beleza da paisaxe valdeorresa, que segue a consolidarse como referente do enoturismo activo en Galicia.

 

Ao rematar a proba os participantes celebraron unha comida de confraternización no pavillón municipal onde ademais de empanada púidose degustar panceta á grella feita no lugar sobre un disco metálico. Ademais de viño da D.O. Valdeorras tamén había licor café, para beber e como agasallo do Concello de Rubiá aos participantes.

somoscomarca_rubia_bttrutadelvinodevaldeorras (2)

Ademais habilitouse un «photocall» para levar en forma de imaxe un recordo da xornada.