viernes. 19.04.2024
Viviendas Rubiá Alen Elias

As antigas vivendas recibiron 356.000 euros do Fondo de Cooperación durante os anos 2017, 2018 e 2019

A Xunta de Galicia destinou nos últimos anos un total de 356.000 euros do Fondo de Cooperación á rehabilitación de seis vivendas da rúa Terra do Souto de Rubiá.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez, visitou as obras de rehabilitación destas antigas vivendas dos mestres, cuxa recuperación está a ser financiada a través do Fondo de Cooperación, unha liña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

Así, estas vivendas recibiron fondos nas convocatorias de 2017, 2018 e 2019, ata un total de 356.000 euros. Deste xeito, o Concello de Rubiá accedeu a varios préstamos sen xuros que xa está a devolver e seguirá a facelo durante os vindeiros anos. De feito, no 2020 acadou tamén, a través da mesma liña, unha subvención de preto de 50.000 euros para un proxecto de mellora do sistema de tratamento de auga potable.

O delegado territorial lembrou que o programa foi creado en 2017 polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e que na actual convocatoria –a de 2021- reserva case 4,5 millóns de euros. Os concellos interesados en participar no mesmo dispoñen ata o 1 de outubro para presentar as súas solicitudes.

Gabriel Alén, recordou que os incentivos serven para levar a cabo actuacións de rehabilitación, así como para adquirir inmobles para a súa posterior recuperación.

As vivendas dos antigos mestres de Rubiá recibiron unha inversión de 356.000 euros