A historia cobra vida nas rúas de Petín

Platea Lúa organiza este venres unha nova visita teatralizada que percorrerá as rúas da vila para poñer en valor a identidade histórica e cultural do municipio

As rúas de Petín converteranse este venres nun escenario ao aire libre coa celebración de «Petín, Camiño e Franceses», unha nova visita teatralizada organizada por Platea Lúa que permitirá descubrir o patrimonio arquitectónico, a tradición vitivinícola e a historia da vila a través dunha representación itinerante.

Durante aproximadamente unha hora e cuarto, o público percorrerá diferentes recunchos do municipio facendo paradas nas que distintos personaxes irán aparecendo para narrar, sempre cun toque de humor, episodios e curiosidades da historia local e da comarca de Valdeorras.

«Queremos poñer en valor o patrimonio arquitectónico, cultural e tamén o relacionado co viño, porque non se trata só de degustalo, senón de coñecer a historia que hai detrás del», explicou en Radio Valdeorras Onda Cero José Novoa, integrante de Platea Lúa.

A proposta toma como fío condutor o Camiño de Inverno, que atravesa o municipio, e tamén a pegada que deixou a presenza francesa durante a Guerra da Independencia. Con todo, a representación non se centrará na coñecida derrota das tropas napoleónicas, senón que situará aos asistentes nos momentos previos a aquel episodio.

«Imos quedar un pouco antes da famosa borracheira dos franceses», avanzou Novoa, sen querer desvelar máis detalles para manter o factor sorpresa.

Divulgar a historia da comarca

Desde a súa creación, Platea Lúa fixo da divulgación do patrimonio a súa principal razón de ser.

«O obxectivo da asociación sempre foi poñer en valor calquera tipo de patrimonio: o arquitectónico, o etnográfico ou o relacionado co viño, que en Valdeorras é un valor engadido», sinalou.

A actividade forma parte dun programa de visitas teatralizadas impulsado coa colaboración da Axencia Turismo de Galicia, aproveitando a celebración do próximo Ano Xacobeo.

A participación é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas a 40 persoas, polo que é necesario realizar inscrición previa a través do teléfono facilitado pola organización.

Máis representacións en Valdeorras

Petín será só unha das paradas dun intenso verán para Platea Lúa. Tras as representacións realizadas nas Ermidas, no Castelo do Bolo ou con motivo do Día de Reis, a asociación continuará levando o teatro ao patrimonio de Valdeorras.

A seguinte cita será o 21 de agosto en Vilamartín de Valdeorras, cunha visita dedicada ás covas e á historia do viño, mentres que o 11 de setembro chegará ao Castro do Barco cunha nova teatralización nocturna arredor da historia deste xacemento.

«O importante é que a xente marche cun bo recordo e, sobre todo, descubrindo un pouco máis da historia da nosa terra», resume José Novoa.