Petín celebra ao patrón Santiago baixo un sol de xustiza
Como cada 25 de xullo Petín esperta coas bombas de palenque a primeiriña hora e logo a alborada a cargo da charanga Achicoría que percorreu os barrios de Petín e coma non, a Praza. Mentres nas casas apúrase a organizar o xantar pois o que máis e o que menos sempre ten alguén que sentar á mesa.
Atrás quedan os tempos en que as mulleres, de véspera, preparaban os trufados —carne na que se enrolaba xamón, ovos, pementos e logo cocíase, para aplastala ente unhas táboas ás que se lle poñían pedras enriba e quedaba todo xuntiño e listo para cortar en lonchas unha vez frío—, ían ao forno da Cleofé ou Querol, e facíase o roscón. Había que matar os polos e os coellos ou ir a carnicería e comprar un cabrito. ¡Que recordos!
Tal día como hoxe, os pequenos e os maiores ían a misa, a maioría das mulleres quedaban cociñando para que a volta da misa estivese todo preparado para os invitados. Eso sí á saída, os mozos e mozas tomaban o grolo na praza mentres soaba a orquestra na sesión vermú.
Despois da comida, campionato de tute nos bares da praza, xogos como a cucaña, a piñata e os sacos para os pequenos e até un baño no río, aínda que había medo porque eran datas nas que raro era o ano nas que non se afogara ninguén. As cociñeiras aproveitaban para descansar.
Notade que sempre falo en feminino, porque antes as festas era cousa de mulleres, das abóas, das nais, das tías e até de curmáns. Os homes ían polo viño á adega e pouco menos.
Cando soaban as bombas de palenque pola tardiña, poñíanse as mellores galas para ir botar un baile. Ao remate, cea, de novo numerosa. Empanada e as sobras do mediodía era o menú na miña casa.
Os anos foron cambiando a maneira de celebralas tamén, co considerable descanso para a parte feminina da familia.Agora a celebración relixiosa e doutro xeito. A misa non é tan longa, nin a procesión tampouco. O que se segue a conservar e o marabilloso coro da igrexa que canta ano tras ano a misa.
O Santiago segue a levar o acio de uvas brancas na man collida nalgunha das viñas do concello e o calor segue a ser, como cada 25 de xullo, enorme.
Mañá día de San Xoaquín e Santa Ana, tamén patroa da localidade, pero a historia de Santa Ana xa a deixamos para mañá.