viernes. 29.03.2024

O Servizo Galego de Saúde pasa a asumir os gastos de mantemento do centro de Petín

O Consello da Xunta acaba de autorizar a aceptación da cesión do inmoble do centro de saúde de Petín (Ourense), que conta cunha superficie construída de 366 m2. A cesión do inmoble está feita a título gratuíto por parte do Concello de Petín a favor do Servizo Galego de Saúde.

A transferencia desta infraestrutura sanitaria da rede sanitaria pública de Galicia ten un custo anual de mantemento estimado para a Xunta de Galicia de 24.000 euros. Con este inmoble sanitario, o número total de centros de titularidade municipal asumidos polo Servizo Galego de Saúde no eido do Pacto Local ascende a 89.

O Alcalde de Petín, Miguel Bautista atópase satisfeito con esta cesión aínda que discrepa coa contía de 24.000 que a Xunta estima de custo de mantemento. «O normal é que sexa a Xunta a responsable da sanidade. Nos nin poñemos nin sacamos médicos. O único que estábamos facendo era poñer o servizo de limpeza, arranxar as avarias, pagar a luz e o gasóleo. O ano pasado a Xunta deunos 5.000 euros para mantemento e, agora eles din que vale 24.000. Outra cousa é se lle calculan que hai que pintalo cada dous anos e algunha cousa máis, entón si pode ser, pero iso non se vai facer», argumentaba o rexedor.



Despois de varios anos loitando para que a Xunta asuma a propiedade, Bautista Carballo ten claro que desta queda arranxado o tema. «Xa era hora! Levamos moito tempo pelexando. Este tema era un escándalo», di o alcalde de Petín.

«O Concello cedeu o terreo para construír o centro médico, cando chegou o tempo que a Xunta colleu os centros médicos o noso non o poido coller porque non estaba o noso nome, porque a propia Xunta non llo cedera (o edificio) ao Concello. Nos cedemos o terreo e eles fixeron o edificio, aí morreu o tema. Agora fixéronos facer un gasto de inventario e de rexistro para poder cederllo, cando o edificio xa era deles porque o construíron. Despois de firmar a cesión en outubro agora parece que definitivamente o Consello da Xunta xa autorizou», aclara o alcalde.



Cómpre destacar que a asunción de obrigas de contido económico para o Servizo Galego de Sáude xorde no momento en que se eleve a escritura pública a cesión da titularidade dos centros á Administración sanitaria autonómica. O proceso de asunción é en todo caso voluntario para os concellos, que previamente asinan os convenios nos que se establecen as bases de cooperación co Sergas para a cesión da propiedade do centro de saúde do que é titular o dito concello, ao Servizo Galego de Saúde, e para a asunción, por parte deste organismo, dos gastos de mantemento.

O concello comprométese a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios co fin de posibilitar a cesión patrimonial do centro de saúde libre de cargas e gravames, así como a aprobar determinadas exencións e bonificacións fiscais, e o Servizo Galego de Saúde acepta a cesión do inmoble e comprométese a asumir os gastos de mantemento.


O centro de saúde de Petín pasa a mans da Xunta