sábado. 20.04.2024

Exercerá como vogal das Comisións de Orzamentos, Dereitos da familia e de Incompatibilidades

Miguel Bautista Carballo ocupou o seu escano na Cámara Alta esta mesma tarde, instantes antes da comparecencia do Presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

O ex alcalde de Petín adquirira a condición plena de senador o pasado mes de xullo mediante a presentación no Rexistro da Cámara Alta da acta notarial na que prometía acatar a Constitución.



Esta tarde, 8 de setembro, ao comezo da sesión plenaria, a Presidenta do Senado, Pilar Llop, chamou ao novo senador galego para renovar a declaración de acatamento da Constitución. Despois, Bautista Carballo ocupou o seu escano na bancada socialista. Será membro vocal das Comisións de Orzamentos, Dereitos da familia e de Incompatibilidades.

Bautista Carballo que concorreu en calidade de suplente ás Eleccións Xerais do 10 de novembro de 2019 na lista que o PSOE presentou en Ourense ao Senado, chega á Cámara Alta en substitución de Juan Carlos Francisco Rivera. Rivera renunciou á súa condición de senador recentemente, tras resultar electo como deputado por Ourense no Parlamento de Galicia, nas eleccións celebradas o pasado 12 de xullo.

De alcalde a senador

Miguel Bautista Carballo naceu en Petín (Ourense), o 20 de xullo de 1958. Administrativo. Estivo ligado ao Concello de Petín desde o ano 1999, tempo no que foi Alcalde durante 20 anos ininterrompidamente, até as eleccións municipais de 2019.

Entre 2011 e 2019 foi Deputado Provincial da Deputación de Ourense. De 2011 a 2015, Vogal da Comisión da FEMP Sociedade da Información e novas Tecnoloxías, e de 2015 a 2019, Vicepresidente da Comisión da Sociedade da Información e Novas Tecnoloxías. Actualmente, é Secretario de Emigración CENG PSdeG-PSOE.

Miguel Bautista Carballo ocupa desde hoxe o seu escano no senado