A orde de infraestructuras de uso público beneficia a tres concellos da comarca
A máis de 1.434.000 euros ascende o importe das axudas que a Xunta de Galicia destina este ano para subvencionar proxectos de 45 concellos da provincia de Ourense, ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público da Vicepresidencia, publicada o martes pasado no Diario Oficial de Galicia.
As axudas concedidas teñen por obxecto financiar infraestruturas que beneficien directamente aos seus veciños. Así, na provincia ourensá 9 proxectos destinaranse á mellora ou optimización enerxética nas redes de alumeado público; 6 á ampliación, rehabilitación ou mellora das dependencias da casa do concello; e o resto de concellos solicitaron estas axudas para melloras de instalacións deportivas e culturais así como a construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de prazas, paseos, aparcamentos e parques infantís.
A Xunta continúa a desenvolver medidas para potenciar e apoiar a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como Administración máis próxima aos administrados, converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional, co obxectivo último de garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio, de tal xeito que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia.
Os concellos beneficiados con esta orde da comarca son Larouco, Manzaneda e Petín.