A fibra óptica chegará a 130 vivendas e empresas en Petín

Particulares e empresas poderán acceder a Internet a velocidades de ata 350 megas no núcleo urbano

Segundo informan desde R —empresa de telefonía que está a realizar os traballos da instalación da fibra óptica— a previsión é deixar Petín conectado á rede de R a finais de abril. «Malia que os traballos de despregamento proseguirán, de xeito que, cando se completen totalmente, arredor de 130 residencias particulares e empresas quedarán preparados para acceder a Internet a velocidades de ata 350 megas», sinalan desde a empresa.

Rúa da Ponte onde se instalou xa a fibra óptica

Nestes días estanse acomentendo os traballos de soterramento do cable na rúa da Ponte e na praza de Dr. Quiroga. Logo tocaralle as zonas do Sobredo e á do antigo poboado de Iberdrola.

Plaza Dr. Quiroga onde se están levando a cabo esta semana traballos de soterramento

O alcalde, Miguel Bautista mostrou a súa satisfacción de que o municipio conte cunha conexión de Internet de alta velocidade. «Era hora de que o rural tivera unha conexión decente. Se queremos que a xente se estableza no rural hai que propiciar as condicións. Hoxe todos os temas administrativos se fan vía telemática e cos 3 megas que hai até o de agora, malamente se podía facer nada», sinalou o rexidor.



Petín é unha das poboacións incluídas no proxecto de despregamento con axudas do Ministerio —plans PEBA con fondos FEDER—.

O Plan de Banda Larga lanzado pola Xunta facilitará o acceso a Internet de alta velocidade en zonas que carecen desta cobertura e de previsión de dispoñer dela. A principios do pasado ano, o Goberno galego aprobou unha liña de axudas a operadores por importe de 14,2 millóns de euros ata 2020
Esta actuación complementa ás convocatorias que ten en marcha o Estado cun orzamento adxudicado de 21 millóns de euros.
Con estas actuacións no 2020 un 74% dos galegos disporán de acceso a redes ultrarrápidas, unha porcentaxe que se ampliará coas novas convocatorias previstas polo Estado.

Edificio do Concello

Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes.



A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).