A Estoupa de Xudas consolídase nas Ermitas na súa terceira edición
Centos de veciños e visitantes, incluído o alcalde Miguel Ángel García, que estivo pendente da seguridade en todo momento, achegáronse ás Ermitas para presenciar, por terceiro ano consecutivo, a recuperación da Estoupa de Xudas, un acto celebrado no Domingo de Resurrección que representa a morte de Xudas nunha xornada sinalada da Pascua.
A figura, coñecida como Xudas, está elaborada con panos e petardos no seu interior. Francisco Porto foi o encargado da súa preparación, un labor ao que dedicou un mes de traballo. «É unha tradición moi antiga, nin se sabe a data exactamente», explicaba. Na mañá do evento, os nervios fixéronse notar: «Desde o momento que lle prendo a mecha os nervios se apoderan de min por se algo sae mal».
Chegado o momento, colocou o Xudas no alto dun pau xiratorio e, tras prender a mecha, a figura comezou a xirar mentres estoupa, nun espectáculo de son e movemento á beira do río Bibei.
Ao remate, o propio artesán achegouse para queimar os restos que quedaran no chan, acompañado de dous dos seus fillos, Óscar e Iván Porto, que participan na actividade e apuntan á continuidade desta práctica no futuro