Curso de emprendemento online na aula de coworking do Bolo
O Concello do Bolo ofrecerá a súa Aula de Coworking, situada na antiga casa cuartel, para seguir o curso de emprendemento online incluído no programa ReActiva Ourense 2025, impulsado pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e financiado pola Deputación Provincial.
A formación está dirixida tanto a persoas que teñan unha idea de negocio e desexen poñela en marcha como a aquelas que xa contan cunha empresa e queren mellorar a súa rendibilidade ou explorar novas vías de crecemento.
O programa inclúe 18 horas de sesións online conxuntas, nas que se abordarán temas como o modelo de negocio Canvas, a estratexia de cliente, a proposta diferencial, as ferramentas dixitais e a análise de viabilidade económica. Ademais, haberá sesións individuais de mentoring e seguimento (1 hora por participante) e unha sesión grupal presencial de networking e “demoday” para presentar os proxectos.
A segunda quenda do curso terá lugar os días 9, 14, 16, 21, 23 e 28 de outubro, en horario de 16:00 a 19:00 horas, cunha sesión final presencial o 31 de outubro de 12:00 a 14:00 horas. A actividade é gratuíta, con prazas limitadas que se outorgan por orde de inscrición. As persoas interesadas poden anotarse a través da web www.ceo.es/reactiva-ourense-2025.
Con esta iniciativa, o Concello do Bolo facilita o acceso á formación tamén no medio rural, poñendo os seus espazos ao servizo de quen quere crear ou fortalecer o seu proxecto empresarial.