O Bolo invita a vivir a eclipse total de Sol desde a torre da homenaxe do Castelo

O Concello organiza unha experiencia para 30 persoas que combinará historia medieval, fotografía especializada, observación do fenómeno e unha degustación de viños de Valdeorras

 

O Concello do Bolo converterá o 12 de agosto nunha viaxe entre a ciencia e a historia coa actividade «Un eclipse do século XXI versus un na Idade Media», unha proposta que permitirá contemplar o eclipse total de Sol desde un dos lugares máis emblemáticos da comarca, a torre da tomenaxe do Castelo do Bolo.

A experiencia contará con 30 prazas e desenvolverase a partir das 19.00 horas. Os participantes realizarán primeiro unha visita guiada ao interior da fortaleza para coñecer a súa historia e descubrir como se interpretaban os eclipses durante a Idade Media, cando este tipo de fenómenos se asociaban a supersticións, sinais divinos ou episodios de bruxería.

Posteriormente accederán á terraza da torre, situada a máis de vinte metros de altura, desde onde poderán seguir o eclipse cunha visión panorámica de 360 graos e sen obstáculos.

Vistas desde O Castelo deo Bolo, aínda con brétema é unha marabilla

Durante a presentación da Feira Irmandiña, o alcalde do Bolo, Miguel Ángel García, explicou en Radio Valdeorras Onda Cero que o Concello quixo aproveitar un acontecemento excepcional como o eclipse para ofrecer unha actividade diferente, unindo patrimonio, divulgación e turismo.

A observación contará co asesoramento da fotógrafa Rosa Veiga, que impartirá un obradoiro específico sobre fotografía de eclipses e ofrecerá recomendacións para captar o fenómeno con cámaras e teléfonos móbiles utilizando os filtros adecuados. Ademais, a organización facilitará lentes homologadas para garantir unha observación segura.

A experiencia concluirá cunha degustación de petiscos e viños de Valdeorras.

Inscricións desde o 1 de agosto

A actividade terá un custo de 15 euros por persoa e as reservas poderán realizarse desde as 10.00 horas do 1 de agosto no teléfono 606 017 105.

Os menores de 8 anos non poderán participar e os que superen esa idade deberán asistir acompañados dun adulto, podendo cada persoa inscribir unicamente a un menor ao seu cargo. Debido ás características da torre, o Concello lembra tamén que o acceso implica subir varios tramos de escaleiras, polo que recomenda telo en conta ás persoas con problemas de mobilidade.

Tu prueba Premium ha finalizado