A Xunta licita máis de 2 millóns para o mantemento dos hospitais de Verín e Valdeorras

A Xunta licita máis de 2 millóns para o mantemento dos hospitais de Verín e Valdeorras
O seu obxectivo é garantir a conservación e o correcto funcionamento dos edificios, equipamentos, mobiliario e instalacións de ambos os centros sanitarios. Inclúe tarefas de prevención, reparación, inspeccións periódicas e outras actuacións esenciais para manter a actividade asistencial en condicións óptimas

A Xunta vén de sacar a licitación un contrato de máis de 2 millóns de euros destinado ao mantemento das instalacións dos hospitais públicos de Verín e Valdeorras. A convocatoria xa está publicada no Portal de Contratos Públicos de Galicia, e as empresas interesadas dispoñen de prazo ata o 9 de decembro para presentar as súas ofertas. 

O contrato abrangue un período de 36 meses e suma un importe total de 2.014.158,50 euros. O seu obxectivo é garantir a conservación e o correcto funcionamento dos edificios, equipamentos, mobiliario e instalacións de ambos os centros sanitarios. Inclúe tarefas de prevención, reparación, inspeccións periódicas e outras actuacións esenciais para manter a actividade asistencial en condicións óptimas. 

Para o Hospital Público de Valdeorras, o contrato céntrase no soporte técnico-legal de varias instalacións clave do centro. Abrangue espazos como os quirófanos, os paridoiros, a unidade de rehabilitación, neonatos, así como a central térmica, tomas de terra, pararraios, antenas e o mantemento hixiénico-sanitario das instalacións de risco fronte á lexionelose.

No caso do Hospital Público de Verín, a licitación abrangue o mantemento integral do edificio e das súas instalacións. Entre os servizos previstos atópanse o coidado do mobiliario clínico e xeral, as instalacións eléctricas de alta e baixa tensión e de enerxía renovable, os sistemas de aire acondicionado e ventilación, a protección contra incendios ou o mantemento rutineiro, que inclúe tamén a xardinería de todo o recinto hospitalario.  

O documento indica ademais que, se durante a vixencia do contrato varía a normativa aplicable e isto obriga a modificar algunha instalación, será a empresa adxudicataria quen deba propoñer os cambios necesarios para adaptala á nova lexislación.  

As empresas interesadas dispoñen de prazo ata o 9 de decembro para presentar as súas propostas a esta licitación, que permitirá reforzar a seguridade, o control técnico e o estado das instalacións dos dous hospitais públicos.