jueves. 18.04.2024

Ata hoxe permanecerá aberto o prazo de inscrición para asistir ás xornadas técnicas sobre xestión medioambiental nas adegas que organiza a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Consellería do Medio Rural. Este foro terá lugar o vindeiro xoves, 7 de xullo, no salón de actos do Edificio multiusos do Concello do Barco de Valdeorras. Está organizado pola Evega en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, o Concello do Barco e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal).

Estas xornadas van dirixidas especialmente a viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores, persoal investigador interesado no tema e estudantes, estando tamén abertas ao público en xeral. O número de prazas é de 100 e os interesados poden descargar o programa e a folla de solicitude na páxina web da Evega, na seguinte ligazón: http://evega.xunta.gal/xornadas-tecnicas-xestion-medioambiental-nas-adegas-novos-procesos/.

Entre os obxectivos deste evento está o de facilitar aos asistentes coñecementos sobre como reducir as cargas contaminantes das adegas e as súas verteduras, aplicando as medidas adecuadas. Tamén, proporcionar información sobre novos procesos de xestión medioambiental correcta e presentar novas tecnoloxías de reutilización de residuos nas empresas vitivinícolas. Así mesmo, as xornadas pretenden que as adegas aprendan conceptos sobre depuración de augas residuais, concentración de efluentes, almacenamento das verteduras e diferentes tipos de depuradoras.

A maiores, a través deste foro daranse a coñecer os criterios que debe cumprir unha adega sustentable en materia medio ambiental para lograr a certificación Winerais for Climate Protection e farase fincapé na importancia de posuír a Pegada de Carbono como ferramenta que proporciona un seguimento preciso para a xestión integral das emisións de CO2.

A finalidade destas xornadas ten que ver co feito de que nos procesos de elaboración, garda, embotellado e consumo de mostos ou viños prodúcense substancias ou materiais de refugallo das que algunhas son susceptibles de aproveitamento polo seu valor económico, mentres que a maior parte constitúen verteduras potencialmente degradantes do medio ambiente.

Na produción de mostos ou viños non intervén só a uva como materia prima, senón tamén outros produtos ou materiais que, ben durante a elaboración ben despois dun longo circuíto comercial, poden ser considerados como contaminantes: subprodutos da uva, produtos de limpeza e desinfección, materiais de filtración ou algúns produtos enolóxicos. Todo isto pódese considerar coma vertidos das adegas.

Dentro da xestión medio ambiental das adegas salienta o cálculo da pegada de carbono que consiste na descrición e determinación de todas as emisións de CO2 que xera a elaboración e consumo de viño. Estúdase o produto desde o proceso de cultivo ata que chega á porta da empresa distribuidora, sexa nacional ou internacional. Este cálculo constitúe un compromiso das adegas co medio ambiente para paliar a emisión de gases con efecto invernadoiro

Xornadas sobre xestión medioambiental nas adegas