Vilanova contará cunha renovada base de helicópteros para loitar contra os lumes forestais
Vilanova, e polo tanto Valdeorras, terán unha renovada base de helicópteros «de xeito inmediato». Así o explica o deputado do Grupo Popular e presidente da Comisión do Medio Rural, Moisés Blanco, que explica que a Consellería «iniciará nos vindeiros días as obras de acondicionamento da nova base, co obxectivo de mellorar o operativo de loita contra os lumes forestais».
Recorda o deputado popular que a Xunta «está a cumprir co recollido na proposición non de lei aprobada o pasado 14 de xuño no Parlamento». No día de onte, martes 17 de xullo, o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto confirmou que a Xunta dispón dos terreos necesarios para realizar as obras, que suporán un investimento superior aos 50.000 euros.
Esta pasada fin de semana, a deputada nacionalista Noa Presas desprazábase ata Valdeorras para reclamar o comezo das obras e amenazaba incluso co encerro na delegacion territorial de Ourense se non se cumpría o acordado. Pola súa banda, Blanco criticou que «o BNG estea a xerar unha alarma inxustificada sobre a construción desta base», e sinalou que «un mes despois da aprobación da proposición non de lei no Parlamento, a Consellería xa conseguira o acordo cos veciños para proceder á limpeza do contorno das instalacións, ao peche perimetral, á construción dun cubeto para posibles escapes de combustibles e o formigonado de parte da plataforma».
O deputado popular lembrou que o acordo acadado no Parlamento entre o Grupo Popular e o BNG, recolle que unha vez finalizadas as xestións cos respectivos propietarios dos terreos e demais entes implicados, a Consellería do Medio Rural dará luz verde no prazo máis breve de tempo para poñer en marcha a base de helicópteros.