domingo. 04.06.2023

Unha vaca que puxo un ovo axudada polas súas amigas as pitas, uns 'papá noëles' invitando a turrón de mazapán, uns arboriños inquedos que había que adornar, ou uns expertos bailarins que deron a benvida ao Nadal a ritmo de twist. Estas son algunhas das pequenas historias que onte contaron, en forma de cancións, os nenos e nenas de Infantil do CEIP Ramón Otero Pedraio de Viloira.

Ao comezo da función, dous presentadores moi elegantes daban paso a todo o grupo de nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos que xuntos contaban a historia dunha vaca xa famosa que querendo destacar entre as demáis poñía un ovo ante a envexa das súas comadres. Vacas, pitas e granxeiros unían as súas voces, tentando vecer ao medo escénico trala apertura do telón do escenario, onde ao escuro, agardaban as familias, cámara en mano.

Despóis era o turno dos nenos de 4 anos que, cun pasiño a diante e outro cara atrás, cantábanlle ao turrón de mazapán coas mellores galas. De seguido viñeron os máis pequeños, os de 3 anos, vestidos de arboliño de Nadal que había que adornar. Nos lles faltaba detalle, bolas, guirnaldas e ata a estrela de Nadal coronando as súas cabezas.

Ninguén puido quedarse sentado no seu sitio cando chegou a derradeira actuación, a dos nenos de 5 anos, os maiores do grupo de Infantil. Ao ritmo de twist, con moito saleiro, movían saias e corbatas, unha volta tras outra, dándolle ao pé como profesionais, deixando conta dos moitos ensaios.

A festa chegaba así a súa fin antes de dar paso as funcións dos nenos e nenas de Primaria, que virían despois. Tras poñer os abrigos e recibir as felicitacións dos pais, nais, abuelos e demáis achegados, os nenos saían do cole cargados cos traballos realizados durante o primeiro trimestre, dos que o xoves recibirán as notas antes de comezar as vacacións de Nadal.

Vídeo. Pitas e vacas celebran o Nadal no colexio de Viloira