«Skándalo»: un novo espazo por descubrir no Barco
O Barco está de estrea. Este xoves, abriu as súas portas Skándalo, un local que promete converterse no novo punto de referencia para os amantes do tardeo, a boa música e o mellor ambiente. Situado no número 10 da rúa Abdón Blanco, o local nace coa ilusión e o bo facer de Javier Ferrer, empresario avalado pola súa traxectoria ao fronte do mítico Bravo Lux da Rúa.
Para dar a benvida aos seus clientes, de 20:30 a 22:30 horas, Skándalo ofreceu durante dúas horas, unha degustación que incluíu cortador de xamón, viño, cervexa e refrescos. O evento marca o inicio dunha nova etapa na hostalería local.
Unha proposta diferente na que, Javier Ferrer aposta por un concepto máis tranquilo e refinado, onde o tardeo será protagonista. O local abrirá diariamente a partir das 12:00 horas, con tapas que acompañarán as consumicións, prometendo unha maior variedade a medida que o proxecto avance.
No eido musical, a oferta destacará pola presenza de DJs, concertos en directo e unha coidada selección de música indie e pop-rock español dos 80. Xa para o día 26 de decembro, está confirmada a actuación dun saxofonista e un DJ procedentes de Mojácar, o que reflicte a intención de ofrecer experiencias únicas.
Skándalo é a evolución natural do traballo realizado no Bravo Lux, onde Javier Ferrer estivo 11 anos. Agora, busca ofrecer unha alternativa diferente, con protagonismo para o bo ambiente, as catas e os plans para primeiras horas da noite.
Coa apertura deste local, O Barco gaña un espazo que combina tradición e modernidade, orientado a un público que valora a calidade en todos os aspectos. A partir deste momento, Skándalo, promete ser o lugar de encontro por excelencia.