O SilFest regresa esta semana ao Barco como un dos grandes eventos culturais do noroeste
O SilFest Valdeorras regresa esta semana cunha nova edición que converterá O Barco nun dos epicentros culturais e turísticos do noroeste peninsular. A 9ª edición do festival arrinca este mércores na Praza Maior e prolongarase durante tres días cunha proposta que vai moito máis alá da música: é unha experiencia.
«Non queremos ser como os demais. O SilFest é moito máis cun festival, o SilFest é experiencia», destacan desde a organización, que consolida o evento como unha alternativa cultural e emocional aos grandes festivais.
No cartel deste ano destacan nomes como Heredeiros da Crus, Biznaga, Repion ou Kokoshca, aos que se suma unha destacada presenza de talento local: Mrs. Fine, ScaLa, Pándega ou Nerea Jiménez serán protagonistas sobre os escenarios.
Ademais da música, o SilFest ofrece unha ampla variedade de actividades como catas e degustacións, sesións de maquillaxe festivaleira, propostas de lecer como kaiaks polo Sil ou as populares sesións de DJs. Un dos momentos máis especiais desta edición será o showcooking a cargo do chef Jose da Gastroteca Salvaxe de Santiago, en colaboración con Vibra Mahou.
Como novidade, o xoves 3 de xullo o Teatro Lauro Olmo acollerá unha conferencia musical sobre música e violencia de xénero, baixo o título “O que sona ben, non sempre é amor”, organizada coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais do Concello do Barco.
Para o público familiar, volverá o MiniSilFest, cunha programación pensada para os máis pequenos da casa. A organización insiste na importancia de transmitir valores como o respecto pola natureza, a sustentabilidade e o amor pola música e a cultura desde a infancia.
O evento é posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, o Concello do Barco de Valdeorras, a Deputación de Ourense, o patrocinio principal de Vibra Mahou, a colaboración do C.R.D.O. Valdeorras e o compromiso de numerosas empresas locais.
A programación completa pode consultarse nas redes sociais e nos espazos oficiais do festival.