Dende a consellería afirman que a ampliación incluirase na reforma do centro
Representantes do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa aproveitaron a visita da conselleira de Educación, Carmen Pomar Tojo, para transmitirlle as súas reivindicacións ante a reforma que se está a facer no centro. Segundo din, a pesar de ter reclamado con anterioridade unha ampliación da cociña, esta non se incluíu no proxecto.
Francisco Pérez Lemos, director do centro, explicaba que «é unha cociña moi pequena para a cantidade de nenos que hai aquí». Dos máis de 300 nenos que estudan no colexio barquense, arredor do 80% empregan o servizo de comedor.
Na cociña do centro traballan 5 cociñeiras nun reducido espazo. "Pasa unha cos pratos cargados e tropeza con outra", comenta o xefe de estudos, Xoaquín Freixeiro. Di tamén que de non facer nada ó respecto "non habería as condicións mínimas esixibles" para o traballo das cociñeiras.
A posible solución que formulou o director ante conselleira e responsables da obra foi unha ampliación cara o exterior, movendo unha parede. Dende a consellería aseguraron posteriormente que cooperarán co concello para incluila nas actuacións, malia a súa complexidade.
O director do colexio tamén exteriorizou a súa inquietude polo cumprimento dos prazos estipulados para a obra, que deberá estar rematada antes do comezo do período lectivo, en setembro.