O PSOE barquense leva a pleno unha moción para acondicionar a N-120

O Concello celebrará o vindeiro xoves o pleno ordinario do mes de maio, que inclúe, entre os puntos da orde do día, unha moción presentada polo Partido Socialista que versa sobre o estado da estrada Nacional 120.

O PSOE insta ao Goberno Central a que "con carácter inmediato e de urxencia inicie os trámites necesarios para levar a cabo a rehabilitación integral do firme da calzada N-120 entre o límite da provincia de Ourense e o punto kilométrico 530". Ademais, o equipo de goberno barquense pide que o tramo da mesma estrada entre Sober e Ourense sexa dotado de "espazos seguros de adiantamento, tanto nun sentido como noutro".

Esta moción será levada a pleno xunto coa proposición presentada polos voceiros dos tres partidos con representación municipal -PP, Riada Cidadá e PSOE-, relativa á felicitación pública de dous traballadores municipais, un membro dos GES e outro da Policía local, nas labores de rescate dunha persoa o pasado 22 de marzo.

Por outra banda, hoxe da comezo o programa promovido polo concello "Sorteo Punto Limpo", incluído na Campaña de Reciclaxe 2017 da Concellaría de Medio Ambiente. Sortearanse dúas ceas para dúas persoas nun restaurante local entre todos aqueles que se acheguen ao Punto Limpo para deixar residuos. O prazo do sorteo remata o vindeiro día 1 de xullo, cando será celebrado o concurso.

A orixe desta proposta radica na necesidade de fomentar o uso do Punto Limpo entre os cidadáns do Barco, xa que ofrece unha solución para aqueles residuos que non poden ser xestionados a través dos sistemas tradicionais de recollida e evita os vertidos no medio rural e urbano do noso municipio.

No Punto Limpo podes depositar residuos de orixe domiciliaria como: madeira, restos metálicos, voluminosos, entullos de obras menores, residuos perigosos, pilas e baterías, tóner e cartuchos de impresión, fluorescentes e lámpadas.

Cómpre destacar que o Punto Limpo tamén oferta un servizo de recollida gratuíto de obxectos voluminosos na vía pública, o primeiro e terceiro mércores de mes; sempre previo aviso, chamando ao número de teléfono: 988320138.