Preto dun cento de solicitudes avalan o éxito de O Merendoiro
O Merendoiro despediu este martes a súa programación de verán cunha mostra de teatro social aberta ao público nos xardíns da Casa Grande de Viloira, poñendo o broche a unha edición que superou todas as expectativas de participación. Preto dun cento de solicitudes e listas de agarda en practicamente todos os obradoiros avalan o éxito dunha iniciativa que aposta por ofrecer á mocidade alternativas de lecer diferentes, creativas e participativas.
Promovido pola Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade do Concello do Barco e desenvolvido por Outonía S. Coop. Galega, o programa reuniu ao longo do mes de xullo actividades tan diversas como cerámica, artesanía natural en madeira, upcycling, maquillaxe de fantasía e catro sesións de teatro social.
«É un programa de lecer alternativo e creativo financiado polo Concello e ideado por Outonía», explicaba en Radio Valdeorras Onda Cero Alba Fariña, quen destacou a extraordinaria resposta da mocidade. «En todos os obradoiros houbo lista de agarda porque se cubriron todas as prazas», asegurou.
A valoración que fan desde a entidade organizadora non pode ser máis positiva. «Todas as actividades tiveron unha participación moi alta. A xente marchou moi contenta e con ganas de repetir», sinalou Fariña, que destacou tamén o perfil dos asistentes: persoas curiosas, con interese por aprender e dispostas a descubrir novas experiencias.
«Había xente que empezou participando nun único obradoiro e acabou querendo apuntarse a máis, pero xa non foi posible porque as prazas estaban completas», explicou.
O concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Orlando Saavedra, asegurou que a boa acollida confirma que o Concello acertou recuperando unha iniciativa que xa deixara boas sensacións na súa primeira edición.
«Sempre buscamos ofrecer alternativas de lecer diferentes, sacar sobre todo á mocidade á rúa e crear espazos para convivir e compartir experiencias», explicou.
O edil lembrou que, tras a primeira edición, financiada mediante unha subvención externa, o Concello decidiu recuperar o proxecto con recursos propios ao comprobar a resposta da veciñanza.
«Cremos que é obrigatorio ofrecerlle á mocidade alternativas de lecer diferentes», afirmou, convencido de que este tipo de programas responden a unha necesidade real.
Saavedra tamén puxo en valor o traballo desenvolvido por Outonía e defendeu o investimento realizado polo Concello. «Os recursos de todos os barquenses hai que empregalos en proxectos que teñan sentido, e creo que este diñeiro está ben investido», asegurou.
A mostra de teatro social puxo fin á programación prevista para este verán, aínda que O Merendoiro non pechará definitivamente esta edición ata o outono. Queda pendente a xornada de sendeirismo, que tivo que ser adiada debido ás altas temperaturas e que servirá para completar un programa que se consolida como unha das propostas de lecer alternativo con mellor acollida entre a mocidade do Barco.
Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado