Presas: «Votar BNG é defender a mellora das comunicacións e apostar por Valdeorras»
A cabeza de lista do BNG por Ourense chama a veciñanza do Barco para «encher as urnas o 23 de xulio de votos do BNG» para rematar coa discriminación histórica que sofre a comarca, sobre todo en materia de infraestruturas
A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, participa nun encontro coa veciñanza do Barco de Valdeorras e chama a veciñanza a confiar na capacidade do BNG para defender os intereses da comarca en Madrid. Segundo sinala, o bipartidismo clásico demostrou non atender as necesidades de Valdeorras e erixe o BNG como a «única forza que defenderá os intereses da comarca en Madrid». A nacionalista comprométese solucionar os problemas que ten Valdeorras, sobre todo nas comunicacións viarias e ferroviarias, para «rematar co illamento que PP e PSOE provocaron».
No acto público organizado pola organización nacionalista no Barco tamén tomaron a palabra o actual portavoz municipal do BNG no concello valdeorrés, Jesús Vilasánchez, e a alcaldesa do Concello da Rúa, María García Albert. Ambos coincidiron na necesidade de que Valdeorras «teña unha voz forte no Congreso que condicione a política do Goberno do Estado defendendo os intereses da comarca». Mesmo, explicaron, para promover e impulsar o desenvolvemento socioeconómico de Valdeorras e mellorando a calidade de vida da veciñanza.
A cabeza de lista do BNG ao Congreso dixo que o bipartidismo clásico non lle foi ben a Valdeorras. «Podémolo comprobar co desmantelamento dos servizos ferroviarios que, pouco a pouco, tanto PP como PSOE provocaron conducindo a esta comarca a un illamento co resto de Ourense e o resto do País», exemplifica .
Neste sentido, Presas preséntase coo compromiso de reverter esta situación «apostando por máis servizos ferroviarios, a través de máis liñas, máis frecuencias e, por suposto, con servizo presencial para a venda de billetes» e a recuperación do tren nocturno.
Así mesmo, a cabeza de lista do BNG ao Congreso sinala a necesidade de mellorar as infraestruturas viarias existentes, como o caso da N-120, ou executar outras pendentes como a A-76. «A N-120 é a principal vía de comunicación entre Ourense e Valdeorras e, a pesar do seu elevado volume de tráfico rodado e desgaste que isto provoca, o Goberno do Estado continúa sen levar a cabo unha rehabilitación integral do firme para a súa adecuación e a mellora da seguridade viaria. O BNG vai a Madrid para condicionar as políticas do Goberno para que se poidan levar a cabo este tipo de actuacións», explica Presas.
Aumento das pensións mínimas
A cabeza de lista do BNG ao Congreso lamenta que «Ourense posúa as pensión media máis baixa do Estado: 887,08, un 25% menos que a media do Estado», que está case nos 1.200 euros. De feito, a circunscrición de Ourense ten a maior porcentaxe de poboación maior de 65 anos de toda Galiza representando «un 32% da poboación total». «Se a esta situación lle sumamos os datos económicos da inflación, que nos din que a crise de prezos afectou de forma máis intensa en Ourense, «é máis necesario que nunca subir as pensións mínimas», sinala.
Neste sentido, a proposta do BNG para subir as pensións mínimas «até o 60% do salario medio» contribuiría a superar a fenda territorial e mesmo a de xénero porque, segundo os datos, as mulleres son as que perciben a pensión mínima en maior porcentaxe.