O CEIP Julio Gurriarán terá patio cuberto no 2018

Esta mañá, os pequenos do CEIP Julio Gurriarán do Barco protagonizaron a sección Menuda tropa no programa Valdeorras en la Onda, de Onda Cero. Con poucos días de colexio acumulados, os rapaces amosáronse encantados de poder exercer de xornalistas e comentar como lles foi este inicio de curso.

Ademais dos pequenos, toda a comunidade educativa do Julio Gurriarán comeza o curso con algo que celebrar. As intensas protestas de pais, alumnado e profesorado para que a Consellería de Educación dotase ó colexio dun pavillón cuberto acadaron o seu obxectivo. A dirección do centro xa viu os planos do patio cuberto que a Xunta planifica construir o ano próximo, incluindo a obra nos orzamentos do 2018. Nacho Hermida, o xefe de estudos, asegurou que estaban «moi ilusionados, porque parece que este ano vai ser».

Eses planos foron presentados pola responsable provincial de Educación, que se reuniu con eles hai dúas semanas. Dende o colexio aseguraron que lles suxeriran algunhas melloras. Tamén, que agardan a que se faga o anuncio oficial da obra e a súa inclusión nos plans de inversión da Xunta para o ano próximo.