O Eixo Atlántico, O Barco e Trives apostan pola Vía Nova
A Vía Nova pode ser un gran nexo de unión para a posta en marcha de diferentes iniciativas de tipo cultural e turístico
O alcalde do Barco, Alfredo García, o primeiro tenente de alcalde do Concello da Pobra de Trives, Miguel Sierra, e a concelleira de Educación trivesa, Cristina Paz Elías, mantiveron este mércores en Braga unha xuntanza co presidente da Cámara Municipal da poboación lusa, Ricardo Río, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, para estudar a posta en marcha de accións conxuntas en torno á Vía Nova, camiño natural de orixe romano -coñecido como Via XVIII- que unía Astorga con Braga.
A reunión celebrada esta mañá xurdiu pola iniciativa do alcalde do Barco e a alcaldesa da Proba de Trives, Patricia Domínguez, ao considerar que a Vía Nova pode ser un gran nexo de unión para a posta en marcha de diferentes iniciativas de tipo cultural e turístico nos municipios polos que pasa este antigo camiño romano. O presidente da Cámara Municipal de Braga, Ricardo Río, acolleu moi positivamente a idea, e todos os asistentes á xuntanza mostráronse totalmente de acordo en comezar un proxecto conxunto, co Eixo Atlántico como nexo de unión, para a partir de agora desenvolver iniciativas de desenrolo interterritorial.
Unha das primeiras actuacións será a solicitude dunha xuntanza co conselleiro de Cultura, Educación y Universidade, Román Rodríguez González, para darlle a coñecer a proposta de promocionar a Vía Nova para o desenvolvemento de proxectos nos concellos galegos e portugueses polos que pasa a ruta, e solicitar o apoio da Xunta de Galicia para a súa posta en marcha. Tamén se invitará a unirse a esta iniciativa a outros concellos situados no traxecto da Vía Nova, así como á Deputación Provincial de Ourense, pola súa implicación no Eixo Atlántico.