
O BNG do Barco afirma que non se cubren as necesidades do Hospital Comarcal

O candidato nacionalista á alcaldía do Barco, Suso Vilasánchez, que fora director de Enfermaría en dúas ocasións - que deixou de selo por severas discrepancias coa xerencia e a consellería de Sanidade -, queixábase en rolda de prensa na mañá do venres 24 de maio, de que «non se están a cubrir as necesidades nin as prioridades do HCV, nin se ten en conta a opinión do seu persoal». Así, dixo, «hai unidades como o servizo de Reanimación, onde claramente existe un punto de perigo e é a única entrada que non vai ser reformada».
Afirmou Vilasánchez que se facemos a comparativa da «situación actual coa do ano 2000, o HCV tiña máis actividade clínica asistencial, tanto quirúrxica, como de hospitalización, de consultas externas e en urxencias». Ademáis, «os traslados á capital incrementaron nun 31%». E afirmou que «o oscurantismo da Consellería nos impide saber a dotación e a plantilla deste hospital».
Dende o grupo nacionalista barquense explican que o Hospital Comarcal Valdeorras é o centro que máis traballadores concentra no concello do Barco. «No noso concello, polas súas características de lonxanía das cidades que fan da nosa comarca unha zona periférica, é crucial ter un hospital que dea un servizo axeitado e á altura», puntualizou Vilasánchez.
Lamenta Vilasánchez que a Sanidade en xeral e o HCV en particular, entrase en campaña electoral, «de man de quen o está desmantelando, o Partido Popular, cuxa candidata á alcaldía do Barco, Sabina Aguado, ten anunciado, como se a noticia fose nova, as inversións que a Consellería ten previstas para o centro, que non chegan ao millón de euros, cando ao hospital máis próximo, o de Monforte, vanse invertir 15 millóns de euros».
Asegura Vilasánchez que o Partido Popular «minte cando di que o HCV ten máis servizos, porque moitos deles diminuiron e outros nin están aquí, como os especialistas que veñen, fan a consulta e marchan, o que converte este Hospital nun Centro de Especialidades».