O Barco acolle dous obradoiros sobre educación sexual

A concellería de Servizos Sociais do Concello do Barco ven de organizar dous obradoiros, dentro dos programas elaborados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Este organismo pon a disposición dos concellos da comunidade, unha oferta formativa baixo a idea de «ofrecer aos mozos e mozas espazos onde adquirir coñecementos e ferramentas para desenvolverse e medrar dun xeito o máis satisfactorio posible». No caso do Barco, os obradoiros serán o 27 de decembro, e a inscrición realizarase na planta baixa da Consistorial, ou no teléfono 988320202.

O primeiro leva por título Pracer seguro, seguro pracer, e está dirixido a mozas e mozos de 14 a 18 anos. Versa sobre a prevención de embarazos non planificados e de infeccións de transmisión sexual (ITS), sobre todo en adolescentes, o que require de novos esforzos e estratexias que fagan fronte a unhas estatísticas desfavorables que convirten esto nun dos principais problemas de saúde da mocidade galega.

Nun contexto de intervención non formal e unha metodoloxía eminentemente lúdica, a proposta vai encamiñada a facer máis atractiva este tipo de prevención. A través deste obradoiro, os centros Quérote+ ofrecen unha información obxectiva sobre a responsabilidade nas relacións e saúde sexual.

Entre os obxectivos do obradoiro está provocar a reflexión acerca dos aspectos nos que se fundamenta a percepción de risco, fomentar o uso do preservativo masculino, feminino e banda de látex, implicar aos/ás participantes nas estratexias de prevención de ITX e embarazos non planificados, explicar os pasos a seguir na colocación e o uso axeitado do preservativo, promover a corresponsabilidade no uso, disposición e accesibilidade aos preservativos así como a súa axeitada conservación, e dar a coñecer os centros Quérote+ e os seus servizos.

O segundo obradoiro leva por título Applícate na Seducción, e está dirixido á mocidade entre 18 e 30 anos. Ter unha imaxe corporal positiva significa «sentirnos satisfeitos da nosa imaxe, apreciar as nosas capacidades e recoñecer o que desexamos potenciar e mellorar» di o texto da campaña para este obradoiro.

Dentro das relacións persoais que se establecen, poden estar as de parella, e polo tanto, todo o que nela pode acontecer. Ás veces, hai dúbidas sobre como iniciar eses encontros, sobre como saber o que a outra persoa quere, sente, desexa ou directamente o que lle gusta ou non. Entre os obxectivos, contribuír á construción dunha imaxe persoal positiva, reflexionar sobre as diferentes formas de relacionarnos cos iguais, e reflexionar sobre as situacións de ligue e os encontros en parella.