Co inverno as estradas de Valdeorras preséntanse como un reto para os condutores. Jacobo Arias, xerente da Autoescuela Valdeorras, destaca a importancia de adaptar a condución ás condicións climatolóxicas e ás características das vías da zona, especialmente nos desprazamentos frecuentes entre O Barco de Valdeorras e Ourense, onde a néboa é habitual.
“A néboa é un dos principais problemas desta época, sobre todo en zonas como Monforte. As estradas mal pintadas e con baches dificultan aínda máis a condución. Recomendo saír con tempo, non pegarse ao vehículo de diante e, sobre todo, ter paciencia”, explica Arias.
Ademais, fai un chamamento especial aos condutores que acaban de obter o carné. «Moitos rapaces nunca conduciron en malas condicións. É fundamental ser consciente de que es o responsable do que sucede na estrada e actuar con precaución».
Arias tamén subliña o uso adecuado das luces en caso de néboa. «Non se deben poñer luces longas, porque só iluminan máis alto e non axudan a ver mellor. As luces máis baixas son máis eficaces. E, por moitas luces que leven os coches novos, o principal é reducir a velocidade».
Outro reto do inverno é a neve. Arias advirte que os condutores deben ser especialmente coidadosos cando comeza a nevar ou chover. «Sempre poñemos un exemplo na autoescola: entrar nunha bañeira con moita auga fas con coidado, pero con só unhas gotas podes resbalar. Na estrada ocorre o mesmo».
Finalmente, Arias lembra que en tramos con neve ou xeo é esencial manter a calma, levar unha marcha longa e adaptar a condución ao momento. «A experiencia é clave, pero todos debemos conducir con responsabilidade. Toquemos madeira para que sigamos tendo poucos ou ningún accidente».
Con consellos como estes, Jacobo Arias busca concienciar aos condutores de Valdeorras para afrontar o inverno con seguridade e responsabilidade nas estradas.
Si desexa escoitar a entrevista completa con Jacobo Arias pode facelo aquí: