O salón multiusos do Barco de Valdeorras acolleu onte a presentación do libro «Traballadoras da Liberdade», unha obra que rescata do silencio as historias de once mulleres que durante a Guerra Civil e o franquismo mantiveron firme o seu compromiso coa liberdade, a democracia e a xustiza social.
Máis que un libro de historia, trátase dun exercicio de memoria e tamén dun acto de xustiza. A través dos testemuños das protagonistas e das ilustracións de Manel Cráneo, a obra recupera traxectorias vitais que durante décadas permaneceron agochadas ou relegadas a un segundo plano.

A publicación foi recoñecida co Premio Luisa Villalta a proxectos pola Igualdade da Deputación da Coruña, un galardón que avala o valor social e cultural dun proxecto que busca reparar os silencios da historia oficial.
Na presentación participaron Rosa M. Ferreiro, responsable da selección de textos e coordinadora da edición; Cristina de la Torre, encargada da revisión de textos e estilo; Domingo D. Docampo, editor do libro; e Orlando Luis A. Saavedra, concelleiro de Igualdade do Barco de Valdeorras.
Un libro para cubrir os baleiros da historia
Durante o acto lembrábase que «Traballadoras da Liberdade» nace precisamente coa vontade de recuperar esas historias esquecidas. «Este libro nace da necesidade de cubrir os baleiros que a historia oficial deixou, outorgando o protagonismo que merecen aquelas que traballaron, a miúdo na sombra, pola liberdade que hoxe desfrutamos».
As páxinas do libro reconstrúen vidas marcadas pola represión, a resistencia e a dignidade, e fano desde unha mirada que incorpora a perspectiva de xénero á memoria histórica.
Un proxecto nacido do compromiso
A presentación estivo conducida por Cristina de la Torre, quen introduciu o acto cun ton próximo e cheo de complicidade cos autores. «Vouvos presentar dúas das persoas responsables deste libro que vimos presentar, Rosa Ferreiro e Domingo D. Docampo».
A intervención arrincou tamén cun momento distendido cando se comentou o peculiar nome editorial de Domingo. «É que Domingo Díaz, cando buscas por aí, aparece un adestrador de fútbol», explicou entre risas. Cristina replicou con retranca: «Pois algo tes contra o fútbol… e é que non che gusta nada».
Máis alá da anécdota, explicou que «Traballadoras da Liberdade» é tamén o resultado do traballo que desenvolven desde SocialDocs, unha empresa centrada na creación audiovisual e en proxectos culturais con forte compromiso social.
«Facedes moitos proxectos audiovisuais e tamén de formación, todos relacionados coa actividade social e co compromiso», sinalou De la Torre. Entre os seus traballos lembráronse documentais coñecidos en Valdeorras como «Florencio» ou «O desafío do Sil», exemplos dunha traxectoria que combina memoria, cultura e reflexión social.
Da bioloxía ao documental social
Rosa Ferreiro explicou durante o encontro o camiño persoal que a levou ata o mundo do audiovisual e da comunicación social. «Empecei Bioloxía porque era o que me gustaba, pero quedei un pouco defraudada coa universidade», contou.
As experiencias no estranxeiro e a formación en comercio exterior abríronlle novas perspectivas, ata descubrir o poder do documental como ferramenta social. «O mundo do documental, nese sentido social que ten, chamoume moito. Sempre me chamou moito o mundo da cultura e da formación».
Desde entón traballa de cheo en SocialDocs, desenvolvendo proxectos que combinan investigación, memoria e compromiso social. «Son proxectos moi comprometidos e tamén moi satisfactorios. Cada un deles é unha aprendizaxe».
O feminismo como motor de cambio
Pola súa banda, Domingo D. Docampo explicou que a filosofía de SocialDocs naceu cun obxectivo claro: crear contidos capaces de transformar a sociedade. «O obxectivo era facer contidos que movan a sociedade, que sexan unha palanca», sinalou.
Nese camiño, o feminismo e a memoria das mulleres convertéronse nun dos eixos centrais de moitos dos seus traballos. «É evidente que o feminismo e a loita das mulleres posúen esa capacidade de ser palanca de cambio».
Docampo relatou tamén o seu propio percorrido profesional, moi afastado inicialmente do mundo cultural. «Veño do mundo da viña. Son de Petín e comecei traballando na viña». Tras estudar publicidade, acabou abandonando ese sector ao sentir que non respondía ás súas inquietudes. «Houbo un momento no que xa non me interesaba que a xente comprase máis produtos. Entón empecei a facer pequenas producións no verán ata que chegou un punto no que era inevitable dar o salto ao documental».

A forza simbólica das ilustracións
Un dos elementos máis destacados do libro son as ilustracións de Manel Cráneo, que achegan unha dimensión visual e simbólica ás historias narradas.Segundo explicou Rosa Ferreiro, cada ilustración recrea un momento significativo das vidas das protagonistas. «Cada muller saca unha escena do relato e dibúxaa».
Todas as figuras femininas das ilustracións comparten ademais o mesmo rostro, un recurso deliberadamente simbólico. «É unha forma de dicir que esa historia podería ser a historia de moitas máis mulleres».
A portada do libro tamén recolle ese espírito. Nela aparece unha muller cunha máquina de coser, un elemento cargado de significado. «A costura foi fundamental para moitas mulleres durante a guerra e o franquismo», explicou Ferreiro. «Cosían para os presos, traballaban no exilio ou axudaban a manter a economía familiar cando os homes non podían traballar».

Memoria viva
Durante o acto tamén se proxectaron fragmentos das entrevistas realizadas ás protagonistas do libro, abrindo posteriormente un coloquio co público sobre a importancia de incorporar a perspectiva de xénero á reconstrución da memoria colectiva.
Porque «Traballadoras da Liberdade» non é só unha obra sobre o pasado, senón tamén unha ferramenta para entender o presente.
Un libro que lembra que moitas das liberdades actuais se construíron grazas ao compromiso silencioso de mulleres que resistiron, loitaron e mantiveron viva a esperanza en tempos escuros.
E que agora, por fin, recuperan o lugar que lles corresponde na historia.

