O Mercado de Nadal do Barco de Valdeorras regresa cunha ampla programación e novidades
O Concello do Barco de Valdeorras prepárase para acoller unha nova edición do seu Mercado de Nadal, que terá lugar os días 21 e 22 de decembro na Praza do Concello. Este evento, convertido xa nunha tradición, contará este ano coa participación de 12 produtores de alimentación, 19 artesáns e vendedores de artigos de Nadal, e 4 asociacións locais. Unha oportunidade única para que a veciñanza e os visitantes desfruten do espírito festivo mentres apoian o comercio e a produción local.
Unha programación variada para todos os públicos
O mercado abrirá as súas portas o sábado 21 de decembro ás 11:30 horas, inaugurando dous días cargados de actividades. Entre as principais novidades destacan un showcooking dun menú de Nadal, dirixido pola cociñeira Belén Castro de Vallelongo, e unha cata de Nadal de produtos locais maridados con viños de Valdeorras, guiada pola enóloga Cecilia Fernández.
Ademais, haberá obradoiros para todas as idades, con temáticas que van dende a creación de centros de mesa ata a pintura de tote bags. Non faltará o tradicional recital de panxoliñas, que terá lugar o domingo ás 18:00 horas, coa participación de alumnado de varios colexios da comarca. Para rematar, o mesmo domingo ás 19:00 horas, celebrarase unha chocolatada gratuíta e un sorteo dunha cesta con produtos adquiridos no propio mercado.
Produtores, artesáns e asociacións
O Mercado de Nadal será un escaparate da calidade e variedade dos produtos locais. Entre os participantes, destacan produtores de queixos, mel, bicas e licores artesanais, así como artesáns que ofrecerán artigos de coiro, madeira, xoiaría e decoración. Tamén estarán presentes asociacións sen ánimo de lucro como ASFAVAL, Peludines, Disvalia e Patrulla Felina O Barco, promovendo a súa labor solidaria.