Manuel Pardo: «Valdeorras ten unha forza produtiva que hai que escoitar e acompañar»

Manuel Pardo: «Valdeorras ten unha forza produtiva que hai que escoitar e acompañar»

O delegado territorial da Xunta en Ourense destaca o papel da Asociación Empresarial de Valdeorras como interlocutora clave entre o tecido produtivo e a administración.

No seu primeiro encontro co novo presidente da AEVA, Carlos Terán, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, trasladou o apoio do Goberno galego ao tecido económico da comarca e comprometeuse a manter unha comunicación fluída co sector.

Nunha parada polos estudos de Radio Valdeorras Onda Cero, falamos con el sobre os retos empresariais de Valdeorras, as necesidades en materia de comunicacións, o despoboamento e as políticas de retorno.

Manuel Pardo e Carlos Terán tras o encontro mantido da sede de AEVA

Somos Comarca: Acaba de manter unha reunión con Carlos Terán, novo presidente da AEVA. Que motivou este encontró e que temas se puxeron enriba da mesa?

Manuel Pardo: Foi unha visita para estar en contacto con Carlos, o novo presidente da AEVA. Xa tiveramos unha reunión hai varios meses en Ourense, cando aínda formaba parte da directiva. Nesa xuntanza trasladáronnos algunhas das inquedanzas e necesidades da comarca de Valdeorras.

Unha delas foi, nese momento, mellorar o transporte e as comunicacións da comarca con Ourense, que é a capital. Plantexamos a oportunidade de que unha persoa poida, a primeira hora da mañá, desprazarse desde O Barco ata Ourense, facer as súas xestións e volver a unha hora prudente. Traballouse nesa liña, mellorando e ampliando as liñas de comunicación.

Tamén se abordaron inquedanzas relativas ás infraestruturas que dependen da administración autonómica. Estase traballando, desde a Axencia Galega de Infraestruturas, na reforma do firme das estradas autonómicas. E por suposto, sempre dispostos a colaborar coas necesidades que nos achegue o tecido empresarial para, como administración, poñer os medios e ser colaboradores para que ese tecido siga medrando e creando riqueza na comarca.

SC: Aquí en Valdeorras as comunicacións son unha preocupación constante. Máis aló de pedir, que papel pode xogar AEVA como interlocutora entre a Xunta e o tecido pridutivo?

Manuel Pardo: É un papel fundamental, porque serve como vehículo de comunicación. para aportar as achegas da delegación territorial, co gallo de ser proactivos e poñer o traballo enriba da mesa para poñer as solucións que dentro nosas competencias sexan factibles.

Esa foi a mensaxe que lles trasladamos: teñen o meu despacho e o meu teléfono ao seu dispor, para manter unha comunicación fluída e directa. AEVA é un interlocutor válido para poñer traballo en común e buscar solucións aos problemas que nos demanden.

É importantísimo, porque é un vehículo de comunicación co empresariado, que aquí, coma en toda Galicia, é un factor relevante para seguir xerando riqueza e emprego. Nese senso, tanto a delegación territorial como a Xunta están para prestar a colaboración que precisen.

SC: A comarca sofre tamén despoboamento e perda de mocidade. Como poden contribuír as políticas económicas a fixar poboación?

Manuel Pardo: Hai varios factores. Un deles, como xa comentamos, é o das comunicacións: é clave manter as vías de comunicación, non só no ámbito provincial, senón tamén para chegar a Madrid, e así evitar ese fluxo de despoboación.

Outro factor importante é o da conectividade. Tamén se están levando a cabo políticas desde a Xunta para fomentar a remuda xeracional: cando por motivos de xubilación ou outras razóns non hai quen continúe unha explotación, é necesario ofrecer axudas para que esa actividade non se perda.

Hai tamén que falar do mercado laboral. Moitas veces, as empresas non poden cubrir postos con xente da contorna e hai que buscar noutras zonas. A Xunta ten políticas de retorno, que buscan facilitar o regreso daquelas persoas —netos ou bisnetos de galegos— que marcharon no seu día e que agora teñen a posibilidade de volver.

E tamén é importante facilitar solucións para a vivenda. No noso rural hai moita vivenda baleira, e deberiamos facilitar a súa posta en uso, para que as empresas poidan mesmo facilitar residencia ás persoas que veñen traballar aquí.

SC: No contexto do retorno, a Xunta puxo en marcha unha oficina móbil. Está a funcionar?

Manuel Pardo: Si, é importante, porque moitas veces as persoas chegan aquí sen ter nada preparado. Se non teñen contacto previo e se atopan con trabas burocráticas, todo se fai máis complicado.

A oficina de atención ao retornado é clave para que, antes de chegar, saiban que documentación teñen que traer. E unha vez aquí, tamén é útil como punto de asesoramento para facilitar a súa incorporación á sociedade.

Como xa temos a oficina en Ourense, a oficina móbil permítenos achegarnos aos cidadáns sen que teñan que desprazarse á capital.

SC: Estaría ben mellorar a comunicación cando veñen estes recursos ao rural. A xente a veces ve unha oficina ou unha estrutura e non sabe que é...

Manuel Pardo: Pois tomamos nota para facer chegar mellor esa información. Agradecémosvos a vosa colaboración como transmisores da información e das novidades.

Moitas veces non chegamos a todos os sitios, imos facendo visitas, pero tomo nota de vir en persoa cando a oficina móbil da atención ao retornado estea aquí, para achegarme tamén a vós e dalo a coñecer.

SC: Haberá seguimento ou novas xuntanzas periódicas con AEVA?

Manuel Pardo: Si, quedamos en manter unha comunicación fluída. Teñen o meu correo electrónico e o meu teléfono ao seu dispor para facer un seguimento das necesidades que vaian xurdindo. Segundo vaian aparecendo novas cuestións, quedaremos para xuntarnos de novo tantas veces como sexa preciso.

SC: Unha última mensaxe para a xente de Valdeorras?

Manuel Pardo: Pois que temos unha provincia marabillosa, e Valdeorras é unha comarca con moitísimos recursos. É preciosa, cun gran viño, cunha riqueza patrimonial importante, cun parque natural espectacular como é o da Serra da Enciña da Lastra, e cunha singularidade como é a minería, que é unha fonte de riqueza.

 

É unha parte fundamental da provincia de Ourense, e a administración autonómica —neste caso eu como delegado da Xunta— estarei aquí para todo o que sexa preciso.